Tino Lores: "O albergue terá que reducir o aforo á metade como pouco"

O Camiño Portugués afronta unha nova etapa na que será imprescindible o apoio "da xente de aquí", así como as diferentes medidas de precaución coma o uso de máscaras e luvas ou a toma de temperatura no interior do albergue que, segundo as previsións, poderá comezar a retomar a actividade a partir do vindeiro mes de xullo
Tino Lores. GONZALO GARCÍA (ADP)
photo_camera Tino Lores, presidente da Asociación Amigos do Camiño Portugués. GONZALO GARCÍA (ADP)

Despois de que se comezaran a tomar algunhas medidas de cara á desescalada, o Camiño Portugués ve por fin a luz?
Polo momento dependemos do Xacobeo, do que diga a Xunta de Galicia, que aínda non se pronunciou. Pero estimamos que o Camiño será un dos últimos elementos para os que se aborde un plan, sobre todo no caso dos albergues públicos. Primeiro abrirán os bares e comercios e despois poderemos falar dos albergues.

Hai algunha previsión de cara á apertura do albergue?
Esperamos que no mes de xullo xa se poida comezar a abrir, pero é unha cuestión difícil que aínda está por ver, sobre todo tratándose dun espazo no que se fai uso de zonas comúns, haberá que tomar medidas.

Que medidas valora que serán as axeitadas para o uso deste espazo segundo a previsión de apertura que baralla?
Realmente un albergue é coma un establecemento público normal. Entón o que está claro é que haberá que reducir o seu aforo, e logo tomar as medidas de precaución axeitadas. Nese sentido, será importante a hixiene, co lavado de mans e o uso de luvas e máscaras no interior, así como medidas coma a toma de temperatura a todas as persoas que vaian chegando, algo que xa viñamos facendo pouco antes de ter que pechar. Ademais disto, o ideal sería poder facerlle un test a cada peregrino para asegurarnos de que non está contaxiado. En calquera caso, o albergue abrirá coas medidas sanitarias e hixiénicas necesarias, coa máxima precaución. No que é o Camiño non haberá problemas, pero debemos poñer especial atención no albergue, que é onde se xuntan os peregrinos.

En que porcentaxe cre que sería responsable reducir o aforo do albergue cando chegue o momento de abrir?
Unha reducción do 50% da capacidade como pouco, ou un tercio para poder abrir con garantías.

Será factible adoptar medidas tamén no mesmo Camiño, e non só nos albergues? Iso forma parte do sentido común dos propios peregrinos. Ti xa sabes que tes que gardar dous metros de distancia, e incluso así podes ir conversando durante o percorrido. Nese sentido o bo que ten o Camiño é que é amplo.

Cal é a previsión de cara ao verán en canto á chegada de peregrinos?
Estimando que en xuño se estableza unha relativa normalidade de acordo ao plan de desescalada, e calculando que en xullo poderemos abrir, teremos que agardar a que comecen a vir os peregrinos e actuar en consecuencia. Non sabemos como vai reaccionar a xente, nin moito menos a xente de fóra. Depende das restriccións que haxa en cada país de orixe cando se poida viaxar. No noso caso, como o Camiño Portgués abarca dúas provincias pódese facer. Nese sentido o Camiño Francés é máis complicado.

Témese que o Camiño perda a súa proxección internacional?
Un dos motivos polos que a xente viña facer o Camiño é pola seguridade que ofrecía. Este é un lugar seguro, e os datos así o demostran. Dos 350.000 peregrinos que chegaron o ano pasado non houbo que salientar ningunha incidencia importante. Agora a situación é nova. Penso nas dúbidas da xente de Canadá, África ou Corea do Sur. Aquí é onde nós imos ter que demostrarlles que o Camiño si é seguro e que se toman as medidas axeitadas para que poidan vir. Os primeiros que temos que demostrar iso somos nós, os galegos, logo os españois, e no caso do Camiño Portugués, os portugueses porque os temos aquí á beira. Ese é o meu desexo e a miña esperanza. Somos os primeiros que temos que voltar ao Camiño para proxectar unha imaxe de seguridade para animar ao resto. E isto vaise demostrar con feitos. A xente verá que un peregrino que entra no albergue faino con seguridade, que estarán suficientemente separados, que os seus baños estarán desinfectados, e que no Camiño haberá unha distancia de seguridade. Isto interésanos porque temos aí o ano 2021. Se ademais o Papa concedera unha prórroga ata o 2022 habería moitas máis posibilidades de conseguilo. Non podemos agardar a que veñan os outros a facer o Camiño, nós temos que ser os primeiros.

Unha das bazas de cara á recuperación do Camiño será, precisamente, as ganas de saír ao aire libre que ten a xente...
De feito a nota de esperanza está en que o Camiño sexa un dos xeitos de sentirnos libres unha vez que saiamos de todo isto, que a xente poida sentirse mellor no Camiño. Hai moita xente que ten mono do Camiño, e o que veña a facelo será porque sabe que se vai sentir ben tanto física como psicolóxicamente. Se algo define ao Camiño é a liberdade, porque o peregrino vai a Santiago como e por onde quere. Isto sempre foi así ao longo dos tempos, o peregrino non depende dun avión nin dun tren, senon das súas pernas, e se pode facer isto este será un destino perfecto, tamén pola súa versatilidade. Podes decidir illarte ou estar conectado, elixir se queres levar o teléfono ou non, e mesmo escoller as rutas. Podes facelo con moi pouco diñeiro e cubrindo as mínimas necesidades. A xente que se verá limitada económicamente para ir de vacacións sen dúbida ten unha boa opción aquí.

A economía no Camiño. "Estimamos que na Semana Santa de 2021 poderemos ter unha relativa normalidade"

Que pasará con esa economía que move o Camiño, e que ten que ver con albergues particulares ou bares?
É unha cuestión importante cando falamos, por exemplo, da reducción do aforo nos albergues. Un albergue pequeno que depende do Camiño para sobrevivir, e que ten 15 camas non pode verse reducido a un tercio, porque non compensaría. Nese sentido non se poden tomar medidas xerais, haberá que facer distincións. Haberá que facer as cousas con sentido, e se se fan ben todos poderán subsistir. O Camiño será un lugar seguro, e todos os albergues, non só o público, terán que selo. Cada un deles terá que adaptarse.

Podemos aventurar unha data de recuperación definitiva na que o Camiño volverá á normalidade, e por extensión toda a economía do seu entorno?
Segundo a previsión de que primeiro galegos, e logo españois e portugueses comecen a vir ao Camiño, Para a Semana Santa de 2021 teriamos todo o entorno do Camiño funcionando cunha certa normalidade. Sempre e cando a nosa xente o reabra para que outros se animen tamén. O 2021 segue a ser un ano de chamada. Se os visitantes comproban que o facemos ben virán. Para nós o Camiño é importante e nós somos os que temos que coidalo e tirar por el.

Comentarios