"Tivemos que multiplicar a nosa axuda contra os malos tratos no confinamento"

A Rede de Mulleres Contra os Malos Tratos constata que non só aumentou a violencia de xénero durante o tempo que se prolongou o confinamento, senón que se rexistrou un "retroceso" no tratamento aos menores
Rosa Fontaíña.DP
photo_camera Rosa Fontaíña.DP

O CONFINAMENTO e as consecuencias económicas da pandemia traducíronse nun aumento das denuncias de violencia de xénero. Rosa Fontaíña, coordinadora da Rede de Mulleres Contra Malos Tratos de Vigo, que traballa en toda a provincia, constatou de primeira man este incremento.

Os casos de violencia de xénero aumentaron un 28% en Pontevedra no primeiro semestre con respecto ao ano pasado. Que interpretación fai deste dato?

Normalmente nos tempos de maior convivencia da parella, como no verán ou no Nadal, sempre hai máis incrementos. Agora, confinados máis tempo, os conflitos multiplicáronse, máis nos casos nos que hai malos tratos previos.

"Houbo nenos que pasaron o seu confinamento co seu pai cando xa existía unha denuncia de violencia"

Que factores puideron influír para que aumentase a violencia?

Cando hai unha relación que non é boa, afecta todo. Na convivencia é cando se nota todo. Tamén afectou o factor económico porque se a xente non ten para o básico, aumenta a agresividade.

A Rede de Mulleres estivo ofrecendo axuda psicolóxica durante este periodo. Notaron un incremento?

Tivemos que multiplicar a nosa axuda. As demandas que tivemos normalmente pasaron de acompañamentos a xulgados a información e atención psicolóxica. Estivemos ofrecendo uns cursos de autoestima online durante todo ese tempo para reforzalas e animalas a denunciar. Tamén traballamos os fines de semana. Isto foi moi importante porque os sitios de axuda oficial non traballan neses días, foi cando máis incremento notamos. O noso obxectivo é indicarlles un comportamento adecuado ao momento.

Como afectou esta violencia aos menores?

Hai moitos menores que tiveron que pasar o confinamento cunha custodia compartida porque | la influencia de lacovid en el crimen | non saíu o xuízo. Iso é gravísimo. Houbo nenos de dous anos obrigados a ir co seu pai cando existía unha denuncia de violencia de xénero, pero os xulgados, ao estar parados, non a puideron resolver. Vivimos un retroceso. Facemos un chamamento a equipos xudiciais para que pensen nas persoas e sobre todo, nos nenos.

En xeral, e polas referencias que teñen no colectivo, como afectou o confinamento no fogar ás mulleres?

Hai un problema engadido que foi que moitas mulleres se tiveron que facer cargo tamén dos fillos. No caso de mulleres traballadoras en servizos esenciais foi un dobre sacrificio.

Nunha situación de confinamento, como veciños, como familiares... Como se pode axudar?

Sempre se pode axudar. O primeiro que hai que facer é chamar a policía. Noutros casos, se a muller pide axuda porque quere falar con alguén, é preciso dirixila a sitios con experiencia como o noso. O primeiro que hai que facer é poñer a muller a salvo.

Ao atoparse cerca do seu agresor, a axuda mediante chamada desapareceu. Que outro métodos houbo?

As mulleres sentíanse totalmente desamparadas porque non podían falar nin cos seus familiares. Moitas veces nos chamaban en momentos nos que ían ao baño para poder comunicarse. A través dos cursos online puidemos seguir axudando. Xa estamos preparando novos cursos.

Comentarios