viernes. 04.12.2020 |
El tiempo
viernes. 04.12.2020
El tiempo

Todas as historias de amor de María Victoria Moreno

Imaxe da inauguración do mural, este sábado, en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Imaxe da inauguración do mural, este sábado, en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Pontevedra inaugura o mural adicado á homenaxeda no Día das Letras Galegas e o alcalde anuncia máis actividades para pechar o ano 

"Neste mural quixemos sintetizar todas as historias de amor de María Victoria Moreno". Explicábano os membros de Polo Correo do Vento, Kike Mauricio e Carlos Taboada, que son autores do mural que homenaxea a María Victoria Moreno xunto á artisa Tania Solla.

O amor polos animais, polos nenos e nenas, por Pontevedra, polos galegos e a súa propia historia de amor co cubano Pedro Ferriol, representada cunha gaivota mariñeira que viaxa dende Galicia a Cuba portando o libro. Todas estas facetas da vida da homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2018 quedan reflectidas na obra que xa loce rematada na rúa Eduardo Pondal, xusto á beira da pasarela da Avenida de Vigo na que unha placa conmemorativa recorda á escritora. "Quédanos algún outro acto por facer porque queremos que este sexa un ano especial e merece un gran fin de festa para que todos os que veñan detrás vexan a pegada de María Victoria Moreno nos nosos corazóns, nas nosas letras e na nosa cidade", explicou onte o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña.

No acto de inauguración do mural, que tivo lugar antes de iniciarse un roteiro pola cidade arredor da figura da autora e guiado por Fina Casalderrey e Ana Acuña, participou tamén o alcalde de Pontevedra, que agasallou tanto á familia como aos autores do mural con varios selos conmemorativos do Ano María Victoria Moreno.

Ademais, o alcalde puxo en valor o traballo de María Victoria Moreno a prol da lingua. "Unha cuestión controvertida aínda hoxe que ela, unha muller nada fóra de Galicia, asumiu como a súa causa. Isto debería facer que a moitas persoas que atacan o galego lles caia a cara de vergoña", indicou o alcalde. Neste sentido, Miguel Anxo Fernández Lores proclamou que todos os actos que se fagan na cidade para honrar a Moreno serán poucos e anunciou máis actividades e outro mural —aínda que non concretou onde– antes de que remate o ano.

Así, o alcalde manifestou o seu orgullo por que unha muller como Moreno vivise e traballase en Pontevedra. "Nas escolas hai que ensinar a vida, a obra e o amor que María Victoria Moreno tiña pola lingua", dixo o alcalde.

FAMILIA. Por outra parte, a filla da autora, que tamén participou no acto, agradeceu ao Concello e a Polo Correo do Vento a realización do mural e asegurou que nel a súa nai quedou "perfectamente reflexada".

Tras a inauguración do mural, deu inicio un roteiro pola urbe guiado por Fina Casalderrey e Ana Acuña, que repasaron o vínculo da autora coa cidade. "Despois de 42 anos vivindo aquí, calquera recuncho de Pontevedra ten relación con ela", recordou Fina Casalderrey antes de comezar o percorrido.

Recollida dos selos no Concello
O concelleiro de Normalización Lingüística recordou este sábado que os cidadáns que queiran facerse cun dos selos que lanzou o Concello para conmemorar o Ano María Victoria Moreno poden recollelos no Concello de Pontevedra mostrando o seu DNI. 

 

Todas as historias de amor de María Victoria Moreno
Comentarios