"Todos os días hai agresións ao patrimonio"

Que hai que facer cando unha obra de arte sofre un atentado? Dúas expertas da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais responden sobre o proceso e tratamento destas pezas e falan dos casos que chegan á escola pontevedresa
Andrea Fernández e Susana Ara, profesoras da Escola de Restauración. JAVIER CERVERA
photo_camera Andrea Fernández e Susana Ara, profesoras da Escola de Restauración. JAVIER CERVERA

Xa son tres ataques a obras de arte nos últimos 15 días. Golpes ao patrimonio nos que as redes sociais fixéronse eco. Ditas acometidas teñen por motivo chamar a atención sobre o cambio climático, pero que pasa logo coas obras de arte sobre as que se atenta? Os casos máis mediáticos producíronse no estranxeiro, pero en Pontevedra, case cada día, prodúcense ataques ao patrimonio. Logo, é a Escola de Restauración a que ten que facer fronte.

Andrea Fernández e Susana Ara Poceiro son profesoras neste centro educativo de Pontevedra, a única escola de Restauración e Rehabilitación de Galicia. Ambas as dúas teñen claro que estas agresións ao patrimonio "dependen do produto, a forza de lanzamento e se a peza está protexida ou non", conta Andrea.

Hai dúas semanas activistas de Just Oil tiraran sopa de tomate a Los Girasoles de Van Gogh, logo outros lanzaron puré de patata a un Monet en Berlín, días máis tarde atentaron contra un Picasso en Melbourne e un Vermeer en Holanda. Tal e como observan as profesoras da Escola de Restauración, as máis destas obras teñen un cristal protector dianteiro, polo que o material máis afectado sería o marco e "non debería haber moito problema no traballo de restauración". Porén, advirten as expertas, existen outros condicionantes. Un deles é si a obra está "estanca". Isto quere dicir que, o fluído lanzado pódese introducir dentro do marco e acceder á obra. Daquela, habería que analizar que tipo de composto é. Nestes casos mediatizados, a salsa de tomate e o puré de patata foron os protagonistas e a "acidez e a humidade son os que poderían axudar a que creceran diferentes tipos de microorganismos que favorecen o biodeterioro", explica Fernández.

Unha alumna da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, traballando nunha obra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Unha alumna da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, traballando nunha obra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Para esta mestra, a restauración destes cadros comezaría por unha documentación exhaustiva. O labor de investigación é "relevante xa que podería axudar aos seguros a protexer á obra nun posible xuízo contra os agresores e, tamén, para que se inclúa no propio expediente do cadro". Posteriormente, a institución que ten a propiedade dos cadros pon en coñecemento o tipo de materiais e técnicas para proceder á retirada do produto nocivo de forma que non altere a composición orixinal.

O cambio climático está afectando á conservación do patrimonio

Existen outras obras que contan cunha capa de barniz protector que axuda a illar os efectos do produto agresor sobre a capa de pintura. A retirada debería ser "o máis rápida posible".

Para Susana Ara, o peliagudo destes casos chega cando hai calquera tipo de adhesivos, xa que pode haber desprendemento dalgunha das capas de pintura co que a restauración sería moito máis delicada para recuperar, completar e reintegrar o cadro ao seu estado orixinal.

Agresións na casa

Pintadas en muros e esculturas ata roubos a pezas artísticas. Todos os días notoficanse agresións ao patrimonio na Escola de Restauración de Bens Culturais.

"En Pontevedra romperon un par de veces o violín da praza dos músicos ou a man de Colón", explican as restauradoras. Para as profesoras, "en parte é ignorancia e outra a accesibilidade" son a chave das acometidas violentas.

O proceso de restauración pola acción vandálica destas pezas son tratadas nesta escola. "Con nós póñense en contacto dende diferentes vías". Por exemplo, a Dirección Xeral do Patrimonio é un contacto habitual para recompoñer as obras. "Saben que sempre estamos dispoñibles para botar unha man", expresan as mestras da escola onde sempre están involucrados os estudantes.

"No momento no que hai un delito coma estes, o normal, sería que houbera un xuízo e un castigo para os agresores". Así de taxantes responden estas expertas en restauración ante os ataques a obras de museos e do patrimonio. "No solo ya es por la agresión sino por el daño que se ha hecho. Las penas deberían ir en consecuencia", opina Susana.

As expertas estan de acordo con que se pode chamar a atención sobre unha loita sen agredir ao patrimonio, o cal, na maioría dos casos é un ben común. "Se queremos cambiar a situación do cambio climático para que teña un impacto positivo sobre as futuras xeracións, temos que protexer tamén ao patrimonio para non privalos do dereito de pertenza".

O intrusismo laboral 

Entre os principais problemas cos que carga a restauración destacan o instrusismo laboral. "O caso do Ecce Homo é o máis coñecido, pero hai moitísimos máis e mesmo é moi habitual", conta Andrea e engade: "Moitos dos nosos labores son elimiminar esas pintadas que fixeron xente non profesional xa que os efectos químicos poden afectar tamén á pintura orixinal".

Dende as asociacións vinculadas á profesión estase mirando unha regulación para que só profesionais poidan restaurar.

Comentarios