"Tomar consciencia da nosa vulnerabilidade, a social tamén, é o gran achádego da pandemia"

Silvia Pérez Freire é doutora en Socioloxía e profesora asociada na UVigo e na Uned 
Silvia Pérez Freire no seu despacho da Uned. GONZALO GARCÍA
photo_camera Silvia Pérez Freire no seu despacho da Uned. GONZALO GARCÍA

A pandemia está a motivar unha serie de cambios sociais importantes. A forma na que traballamos, a forma como nos relacionamos, incluso o noso tempo de lecer. Pensa que é algo temporal ou asistimos a un cambio imparable da sociedade tal e como a coñecemos?

É difícil valorar se os cambios que estamos a vivir serán permanentes cando muden as circunstancias que os propiciaron, pero para min o que é pertinente é que non perdamos de vista os asuntos que se poden quedar "fóra de campo": as desigualdades sociais, os dereitos civís, a liberdade, o recoñecemento da necesidade da centralidade da vida, ao fin e o cabo.

Cal considera que é o maior cambio ó que nos enfrontamos? O que máis nos condiciona como parte dunha sociedade.

Estimo que tomar consciencia da nosa vulnerabilidade, a social tamén, foi o principal achádego nesta pandemia. Este feito que é algo inalienable quedara tamén desdibuxado na sociedade preocupada polo consumo e a competitividade. Isto tamén foi extensible á fraxilidade dos vínculos sociais e a maneira que temos de relacionarnos coa nosa familia e os seres queridos: fíxose máis consciente que nunca que o amor é o motor da vida e que todo o demais é máis superfluo do que poderiamos pensar. Isto implica tamén empezar a mobilizarnos en clave colectiva: o benestar social como un dereito de todas e todos e a forza da sororidade como un mecanismo para facelo realizable.

O rural, por fin, debe acadar o papel que merece na maneira que temos de funcionar como sociedade

Unha das consecuencias das restricións que conleva esta crise sanitaria é que pasamos máis tempo ó aire libre. Está a mudar a nosa relación coa natureza?

Xa era tendencia pero agora foi un revulsivo importante porque democratizouse, é dicir, fíxose necesario para moita máis xente de tódolas clases sociais e iso xa é claramente un indicador de que efectivamente ímonos relacionar doutro xeito coa natureza, tela moito máis en conta. A volta ao ruralismo tamén é outra tendencia así como a nova distribución dos espazos públicos e privados, o uso da tecnoloxía debe tamén democratizarse e o rural, por fin, debe acadar o papel que merece na maneira que temos de funcionar como sociedade. Coido que aí veremos se as políticas públicas se adecúan a esta situación e otorga recursos a todos aqueles que ata agora nunca foron primeiro: o termo "esencial" adquiriu unha nova relevancia, a que tiña que ter sido sempre: Isto contribúe á vida? Pois entón é no que debemos centrarnos.

A longo prazo, como nos condiciona a distancia social? As xeracións que nacen vendo máscaras ao seu redor, afeitos a medrar sen contacto, ou co contacto só dos seus pais, como lles pode afectar?

As persoas e as sociedades somos adaptativos e lamentablemente esquecemos moi pronto. Por iso debemos de contar cos profesionais das ciencias sociais, da socioloxía e de tódolos campos das ciencias para poder aprender das crises e saír reforzados, que a precariedade non nos domine e faga que deixemos de pensar no ben común.

O espazo educativo tamén sufriu importantes cambios. Os campus remotos ou a distancia son unha ferramenta a favor do sistema educativo, e a longo prazo?

A educación a distancia primeiro e agora coa pandemia a teleformación achega e fai que o acceso á educación sexa máis fácil e cómodo pero na presencialidade confrontas as ideas dunha maneira moito máis efectiva, porque non só estamos a falar de discurso, senón tamén da emoción. Humberto Maturana dicía que a capacidade de aprender baséase na simbiose das conexións cognitivas máis vinculadas cos sentimentos que che provoca algo que con outras variables. Como en toda relación, a da docente co do seu alumnado é un vínculo humano no que nos estamos poñendo a proba o respecto mutuo e na presencialidade gáñase máis ás persoas. A comunicación é máis fluída e isto é importante, aínda que a tecnoloxía nos está facilitando moito a vida e estar máis accesible tamén é fundamental. Grazas aos avances que temos nas novas tecnoloxías podemos recrearnos en aulas virtuais que cada vez semellan á presencialidade coa comodidade de facelo desde as nosas casas. Isto acurta tempos, desprazamentos e produce que a relación docentealumno teña unha maior individualización.

Fíxose máis consciente que nunca que o amor é o motor da vida e que todo o demais é máis superfluo do que poderiamos pensar

Comentarios