A Tomba producirá o seu propio aceite cun selo de calidade certificado

O alcalde visitou as plantacións do parque forestal, que ocupa 3,5 hectáreas e conta con máis de 3.000 oliveiras
Un momento da vista á plantación de oliveiras no monte da Tomba. GONZALO GARCÍA
photo_camera Un momento da vista á plantación de oliveiras no monte da Tomba. GONZALO GARCÍA

O parque forestal da Tomba producirá o seu propio aceite que ademais terá o seu selo de calidade certificado. Así o anunciou este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores que, acompañado polos concelleiros Alberto Oubiña e Pilar Comesaña, polo presidente da Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia (APAAG), José Antonio García, polo presidente da Comunidade de Montes de Campañó, José María Domínguez, responsables da empresa adxudicataria Elsamex, e por técnicos municipais, visitou na mañá a plantación de oliveiras deste lugar.

Trátase dunha experiencia piloto, que conta co asesoramento da APAAG, para estudar a adaptación das castes propias de oliveira de Pontevedra ao terreo e ás posibilidades de explotación, de cara a producir aceite autóctono baixo selo de calidade certificado.

Esta plantación, que está practicamente rematada, ocupa 3,5 hectáreas de terreo e ten máis de 3.000 exemplares de oliveiras.

Fernández Lores, tras coñecer o estado da plantación e o proceso de obtención do aceite, asegurou que "esta experiencia é interesantísima porque vai no camiño de buscar alternativas para o sector primario, que está absolutamente desaproveitado, e para o monte, que maioritariamente está destinado a eucaliptos ao que non se lle saca rendibilidade". 

Neste sentido, insistiu en que "o Concello aposta por un investimento nos montes periurbanos porque pensamos que a longo prazo vai dar resultado, porque mellora a calidade de vida dos veciños, mellora o lecer, e tamén está abrindo camiños cara a novas actividades económicas que teñen moito que ver coas especies autóctonas, coa ecoloxía e coa calidade". 

No caso da plantación de oliveiras, cuxa explotación realizará a Comunidade de Montes de Campañó, asegurou que a fin é "buscar un sinal de identidade diferente e que estes produtos teñan un selo de calidade propios da Galiza". 

PARQUE FORESTAL. Sobre os traballos da actuación completa no parque forestal da Tomba, Fernández Lores lembrou que todos os traballos de limpeza e eliminación de especies invasoras se realizaron a través de métodos físicos, sen utilizar ningún tipo de produto químico, e que a plantación de novas árbores (ao redor de 25.000 novos exemplares) retrasará o prazo de finalización en aproximadamente un mes. O alcalde explicou que a plantación prevista para a primavera ao coincidir coa paralización de actividades non esenciais fixo que as árbores tiveran que ser aviveiradas e posteriormente replantadas na Tomba, unha fórmula que finalmente non deu os resultados esperados.

Así, as árbores que non prenderon, deberán ser substituídas por outras novas nos vindeiros meses, o que implicará unha prórroga no prazo de finalización desta actuación na citada parroquia do Norte do municipio.

O obxectivo final, unha vez que se teñan superado os inconvintes plantexados pola pandemia, é dotar ao Concello de Pontevedra dunha nova zona de lecer con flora autóctona para o disfrute de todos os cidadáns.

Comentarios