Tomeza inicia este mes o proceso para implantar a compostaxe individual

As reunións informativas empezarán en abril e os composteiros repartiranse en maio ► O obxectivo é dotar destes módulos ás 400 vivendas da parroquia, a primeira en abordar o plan

Composteros comunitarios que comenzaron a funcionar en Valdecorvos. GONZALO GARCÍA
photo_camera Composteros comunitarios que comenzaron a funcionar en Valdecorvos. GONZALO GARCÍA

O Concello de Pontevedra escolleu a parroquia de Tomeza para iniciar o despregue dos composteiros individuais no rural pontevedrés dando paso unha nova fase da aposta municipal pola compostaxe, «o sistema alternativo e pioneiro de eliminación de biorresiduos que se está a poñer en marcha na cidade».

O concelleiro delegado de Tomeza, Alberto Oubiña, informou onte do comezo do proceso, pese a que segue sendo a concelleira Carme da Silva -actualmente en campaña electoral como candidata do BNG ao Congreso- a que está á fronte deste proxecto.

O proceso dará comezó cunha xuntanza do Consello parroquial que terá lugar no Local social de Lusquiños o vindeiro mércores, 17 de abril, ás 20.30 horas. Neste encontro buscarase a colaboración das asociacións e colectivos veciñais para a posta en marcha o sistema de compostaxe. «Queremos tratar con eles cuestións como o emprazamento dos colectores e resolver as dúbidas que poidan ter», indicou Oubiña.

Ademais a todas as vivendas de Tomeza chegarán cartas cun díptico explicativo sobre a compostaxe, unha descrición da campaña que se pon en marcha, un formulario de adhesión e unha relación de datas de charlas informativas colectivas.

Este formulario, precisou o concelleiro, é necesario para contar cos datos dos veciños participantes, entre outras cousas, para xestionar a distribución dos composteiros.

As charlas informativas de presentación do proxecto faranse ao abeiro da colaboración que mantén o Concello, con Fruga (Federación Rural Galega) e a Deputación. Serán tres e todas no Local social de Lusquiños, ás 20.00 horas: o30 abril, para á veciñanza de Lusquiños, o 2 de maio, para a do Pobo, O Alcouce e Casal do Río e o 3 de maio, para a veciñanza da Carballa, O Marco, Pomariño, O Pombal, Valadiña e San Pedro.

VISITAS ÁS CASAS. Oubiña sinalou que se fixo esta distribución para «equilibrar» a cifra de asistentes, pero que, en todo caso, se alguén non podía acudir á cita correspondente, que non dubidase en ir a algunha das dúas outras charlas.

Nestes encontros poranse enriba da mesa aspectos como o modelo de xestión do lixo, os beneficios da compostaxe, as obrigas legais; como compostar na casa, que se pode botar ou non no composteiro, as labores de inicio e mantemento, etcétera.

O reparto dos composteiros individuais realizarase ao longo do mes de maio, segundo o programa de posta en marcha presentado por Alberto Oubiña. Os centros individuais de tratamento de biorresiduos entregaranse en todas as vivendas da parroquias. O persoal de Fruga fará visitas individuais a cada unha delas para lles explicar o funcionamento dos composteiros e nos seguintes seis meses farán visitas de seguimento.

Alberto Oubiña subliña que o obxectivo do proceso de implantación da compostase é "estender ao rural o que está funcionando tan ben na cidade", un proxecto "ilusionante que mellorará o futuro dos que están por vir".

É por iso que agarda atopar "cómplices", persoas dispostas a poñer en marcha un proxecto "novidoso, que funciona e que mellora o país, a terra e o medio ambiente".

O obxectivo, apuntou o edil, é dotar dun composteiro a cada unha das 400 vivendas, aproximadamente, coas que conta a parroquia, aínda que tampouco descarta instalar algún módulo comunitario.

Comentarios