Tomeza, Marcón, Salcedo e Ponte Sampaio dan luz verde ás probas co Coche de punto

Os veciños escollerán a vindeira semana os primeiros 80 usuarios
Reunión mantida onte entre os representantes do Concello e os veciños implicados nesta fase. CEDIDA
photo_camera Reunión mantida este venres entre os representantes do Concello e os veciños implicados nesta fase. CEDIDA

Representantes veciñais de Tomeza, Marcón, Salcedo e Ponte Sampaio deron este venres o 'si quero' ás probas co novo Coche de punto co que o Goberno local pretende solventar os problemas de transporte no municipio. 

Fixérono nunha reunión cos concelleiros de Mobilidade e do Rural, Demetrio Gómez Junquera e Alberto Oubiña respectivamente, na Casa Verde de Salcedo, onde se porá en marcha de xeito experimental este proxecto de transporte a demanda

Gómez explicoulles que estas foron as catro parroquias escollidas para poñer en marcha a primeira proba, de modo experimental, co propósito de testar o funcionamento das aplicacións informáticas que xestionarán este sistema. 

Segundo explicou, os veciños acolleron de bo grao a proposta municipal e comprometéronse a escoller na vindeira semana a 20 persoas de cada parroquia para colaborar nesta experiencia, que comezará o vindeiro día 31 e prolongarase durante todo o mes de febreiro. 

As probas deste proxecto de transporte a demanda comezarán prolongaranse todo do mes de febreiro

O transporte a demanda chamarase Coche de punto recuperando a denominación tradicional que se refire a un transporte que se colle nun espazo concreto e pode chegar até outros lugares sen seguir unha ruta concreta. Fronte a esta proposta está o coche de liña, que segue un trazado regular. 

Mentres se traballa nos informes de demanda e na base legal do novo transporte, o Concello xa dispón das aplicacións informáticas que xestionarán o futuro Coche de punto. Para testalo escolleranse a 80 veciños de Tomeza, Marcón, Salcedo e Ponte Sampaio que terán que empregar o sistema, sen lles ofreceren explicacións del, co obxectivo de comprobar os puntos febles do sistema. 

Nesta fase de probas, os taxistas serán os que darán de alta a dez condutores no sistema, sendo a central de reservas a de Radio Taxi de Pontevedra

As viaxes poderán facerse entre as 7 da mañá e as 14.30 horas, nesta fase. A aplicación xa está pensada para planear a viaxe de ida e a de volta, conectando as parroquias coa cidade, sen que sexa obrigatorio facer o uso das dúas viaxes nin manter o punto de volta fixo. 

Nesta fase os puntos de destino serán Praza de Galiza, o Centro de Saúde Virxe Peregrina, a Casa do Mar, o Hospital Provincial, a Xunta de Campolongo, o Campus da Xunqueira, a estación de bus e tren e a Praza de Abastos.

Comentarios