Toneladas de cultura solidaria

Afundación fixo entrega este martes das doazóns realizadas pola cidadanía da comarca de Pontevedra ao abeiro do programa "Cultura por alimentos" ao Banco de Alimentos
Afundación entrega ao Banco de Alimentos as donacións recollidas na campaña cultura por alimentos. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Afundación entrega ao Banco de Alimentos as donacións recollidas na campaña cultura por alimentos. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A cara máis solidaria da cultura amosouse este martes na sede pontevedresa de Afundación, que acolleu a entrega das últimas doazóns recibidas ao abeiro da iniciativa Cultura por alimentos, un programa que a Obra Social de Abanca puxo en marcha o ano pasado no marco do seu fomento de propostas de acción social.

A coordinadora de Cultura de Afundación, María Teresa Cores; o presidente da Fundación Provincial do Banco de Alimentos, Iván Martínez; e o responsable da delegación en Pontevedra, José Luis Doval, así como algunhas das persoas voluntarias que participan no programa participaron no acto de entrega das doazóns aos responsables da oenegué.

En total, recadouse unha tonelada e media de produtos non perecedoiros procedentes da solidariedade das persoas usuarias das actividades de Afundación que se levaron a cabo ao longo do ano e que o Banco de Alimentos repartirá entre as familias que máis o precisan.

"Desde o ciclo musical de Butaca de jazz, na Coruña, a instalación de Conserva en Vigo, ou a propia de This is pop!, aquí en Pontevedra, son só algúns dos eventos nos que esta campaña conta cunha extraordinaria resposta do público", manifestou María Teresa Cores, que subliñou ademais o compromiso da organización financeira con este programa de impulso social.

Pola súa banda, desde a Fundación Banco de Alimentos, Iván Martínez, incidiu na importancia de iniciativas como a de Cultura por alimentos, que se levou a cabo nas diferentes sedes da entidade e que, destacou, non só permiten visibilizar a necesidade da implicación social das institucións e das persoas, senón que ao tempo animan tamén, a entender a arte e a cultura como mecanismos de transformación social.

Para levar a cabo esta campaña de recollida de alimentos por toda Galicia habilitáronse contedores que funcionaron como puntos de recollida dos produtos non perecedoiros, a fin de que os visitantes das distintas iniciativas culturais de Afundación os puideran doar.

Así, Cultura por alimentos, apela á participación da cidadanía e responde ao chamamento solidario da Fundación Banco de Alimentos. A resposta, salientaron os responsables da proposta, foi un éxito "grazas á solidariedade da cidadanía da comarca de Pontevedra".

Comentarios