Un total de 25 establecementos locais participan na volta de 'Pontedetapas'

O certame estrea un novo sistema de votación dixital, no que as puntuacións de cada tapa se realizarán a través dun código QR personalizado e dispoñible en cada un dos establecementos
Os concelleiros socialistas Yoya Blanco e Iván Puentes, cos hosteleros, este xoves. GONZALO GARCÍA
photo_camera Os concelleiros socialistas Yoya Blanco e Iván Puentes, cos hosteleros, este xoves. GONZALO GARCÍA

Os concelleiros de Promoción Económica e de Desenvolvemento Sostible, Yoya Blanco e Iván Puentes, protagonizaron este xoves, acompañados do presidente do colectivo de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo), Daniel Lorenzo, o roteiro inaugural do certame por antonomasia dos sibaritas da gastronomía en miniatura.

O Pontedetapas 2022 arrincou despois de dous anos de parón obrigado pola pandemia, con 25 establecementos da cidade e 26 tapas en competición. O evento, do que a cidadanía poderá desfrutar e participar coas súas valoracións ata o 4 de decembro, estreará nesta edición un novo sistema de votación dixital, no que as puntuacións de cada tapa se realizarán a través dun código QR personalizado dispoñible en cada local.

Ademais, os pontevedreses poderán adquirir en tódolos establecementos e na oficina de Turismo de Pontevedra (rúa Churruchaos, 2, trala Casa Consistorial) o Pasatapas, o pasaporte que, mediante o seu selado, permitirá acceder a agasallos directos e ao sorteo de seis ceas para dúas persoas nos negocios que resulten gañadores nas dúas categorías en concurso (Mellor Tapa Creativa e Mellor Tapa Tradicional), cinco entradas dobres ao Museo Estrella Galicia (Mega) e vinte lores de cervexas especiais 1906.

Segundo explicou Yoya Blanco, "unha das principais novidades desta edición é que imos empregar un sistema de votación dixital: cada establecemento terá dispoñible cartelería cun código QR personalizado por tapa". "A lectura desde código –sinalou– deriva a un formulario de votación no que o cliente deixará os seus datos e puntuación. Unicamente poderá votar unha vez (con puntuación do 1 ao 5), recibindo un correo electrónico coa resposta enviada. Ademais, os que leven consigo o Pasatapas debidamente cuberto con tódolos datos persoais (o pasaporte é de uso persoal e intransferible) poderán acumular os selos das diferentes tapas. Os que teñan seladas cando menos 20 tapas accederán a agasallos directos. O Pasatapas deberá depositarse na oficina de Turismo para participar nos sorteos".

A concelleira lembrou que o concurso "concederá galardóns en dúas categorías: a de Mellor Tapa Creativa, na que se ponderarán valores gastronómicos como a innovación, a técnica, a presentación e a orixinalidade da proposta; e a de Mellor Tapa Tradicional, sendo o uso das receitas tradicionais, a utilización de produtos de proximidade e a identidade gastronómica galega os valores a avaliar". Establecéronse dous premios para cada categoría (Tapa Creativa e Tapa Tradicional), e o establecemento que acade o primeiro premio do público na categoría de Tapa Creativa terá o recoñecemento de Tapa de Pontevedra, representando á cidade na final do #deTapasxGalicia, o certame organizado pola Axencia de Turismo de Galicia da Xunta, no que competirán as tapas gañadoras dos distintos concursos de tapas das sete cidades.

Comentarios