O Tour Universo Muller aterrará en Pontevedra en marzo

Entre as actividades haberá un maratón de fitness e actividades deportivas, un foro sobre muller e deporte e unha carreira pola igualdade
Presenación do Tour Universo Muller. DP
photo_camera Presenación do Tour Universo Muller. DP

O programa Tour Universo Muller, impulsado pola Consello Superior de Deportes (CSD) e a Fundación Deporte Xoven (órgano adscrito ao CSD) grazas ao patrocinio de Iberdrola, aterrará en Pontevedra no mes de marzo cun amplo abano de eventos destinados a potenciar o deporte feminino, difundir os éxitos acadados polas nosas deportistas e fomentar a participación da muller no deporte para tódalas idades.

Entre as actividades organizadas na cidade en colaboración coa Concellería de Deportes e a Deputación inclúense un Foro Muller e Deporte, unha maratón de fitness e actividades deportivas e, como gran novidade, a carreira-marcha Pontevedra en forma pola igualdade.

A iniciativa foi presentada este martes na Casa das Campás nun acto que contou coa participación do alcalde capitalino, Miguel Anxo Fernández Lores; a presidenta provincial, Carmela Silva; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o director xeral da Fundación Deporte Xoven, Alfonso Jiménez; a concelleira de Igualdade, Paloma Castro; o director do Tour Universo Muller, Ignacio Solana,  aura Gil, do equipo de Patrocinios de Iberdrola, e Rosa Arcos, presidenta de Fademur.

A iniciativa do Consello Superior de Deportes e a Fundación Deporte Xoven, impulsada por Iberdrola, busca visibilizar, reivindicar e fomentar o deporte feminino 

Durante a presentación, Silva e Lores fixeron entrega dos dorsais 0 e das respectivas camisetas da carreira solidaria Pontevedra en forma pola igualdade á madriña do Tour pontevedrés, a loitadora Lydia Pérez Touriño, e ao padriño, o laureado medallista mundial paralímpico de tiro Juan Saavedra. Pola súa banda, Laura Gil entregou ao alcalde o galardón conmemorativo por acoller o Tour.

O evento chegará a Pontevedra o día 6 de marzo pola tarde co Foro Muller e Deporte, no que intervirán referentes do deporte nacional e local feminino. O programa de actividades deportivas do Tour Universo Muller desenvolverase o sábado 7 de marzo, en horario de 11.00 a 14.00 horas (a inauguración será ás 11.30 horas) e de 17.00 a 20.00 horas, e o domingo 8 de marzo, de 11.30 a 14.00 horas. A contorna da Praza de España converterase esa fin de semana nun recinto polideportivo ao aire libre duns 3.000 metros cadrados, onde as 16 federacións respaldadas por Iberdrola dispoñen dun espazo deportivo e de información onde toda a poboación poida desfrutar de prácticas, concursos e exhibicións xunto a xogadoras locais e campionas nacionais. Asemade, contarase cun gran escenario no que, durante as dúas xornadas, desenvolverase un maratón de fitness e clases colectivas para practicar deporte coa mellor música e a diversión garantida. 

CARREIRA SOLIDARIA. A carreira Pontevedra en forma pola igualdade terá lugar o domingo 8 de marzo a partir das 11.00 horas e nela poderán inscribirse ata 2.000 persoas de tódalas idades e dámbolos xéneros, cun prezo de inscrición de catro euros. O diñeiro recadado irá destinado á Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) de Galicia.

O Tour está englobado dentro do Programa Universo Muller, un acontecemento do CSD que ten o obxectivo de fomentar e desenvolver o deporte feminino como un potente instrumento de recoñecemento do rol da muller na sociedade en xeral e o deporte en particular. Ante o inxusto tratamento que o deporte feminino ven sufrindo durante anos, esta iniciativa busca propulsar políticas igualitarias que acheguen á sociedade os progresos das nosas deportistas e os esforzos que realizan para poder seguir practicando deporte, así como dotar de maior visibilidade as súas competicións.

O Tour Universo Muller consta dun circuíto por distintas capitais españolas, das que Pontevedra será a décimo sétima localidade en albergar este roadshow. O evento xa se celebrou nas seguintes cidades: Castellón, Palma, Bilbao, Málaga, Burgos, Valladolid, Valencia, Murcia, Sevilla, Santander, Zaragoza, Xixón, Oviedo, Granada, Cáceres e Huelva. A fin de semana do 6 ao 8 de marzo, Pontevedra converterase en capital do deporte feminino. 

Comentarios