Touradas Fóra non celebrará a súa tradicional manifestación de agosto

A situación sanitaria e a cancelación da feira taurina este ano son algúns dos motivos polos que o colectivo non protestará
Pasada convocatoria da manifestación contra as touradas en Pontevedra. ARCHIVO/OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Pasada convocatoria da manifestación contra as touradas en Pontevedra. ARCHIVO/OLGA FERNÁNDEZ

Touradas Fóra de Pontevedra non se manifestará este ano nas rúas despois de "semanas de debate" a nivel interno. A manifestación víñase celebrando dende o ano 2007 coincidindo coas feiras taurinas que teñen lugar na cidade durante as Festas da Peregrina.

Os motivos polos que non se celebrará o acto de protesta teñen que ver coa situación sanitaria actual, así como co feito de que a propia xornada taurina fose cancelada.

"A nosa plataforma entende que non sería responsable nin serio convocar a centos de persoas nas rúas de Pontevedra, alén de non poder garantir a súa seguridade sanitaria", explican á vez que engaden que a prioridade para a organización é a saúde colectiva. "Non contribuiremos a expor ás pontevedresas e pontevedreses así como a todas as persoas que acudían de toda Galiza a nosa mobilización".

En segundo lugar, a cancelación da feira taurina tamén tivo moito peso na decisión final. "Aínda que ao longo destes anos demostramos que o noso proxecto vai alén dunha data e sempre tentamos realizar actividades os 365 días así como implicarse noutros proxectos (como por exemplo os circos con animais), é obvio que a non celebración da feira taurina ía influír na capacidade de mobilización", explican.

Aínda así, aseguran que esta cancelación non vai frear a actividade da plataforma, que promete seguir traballando pola fin das touradas na cidade máis alá deste ano.