As mariscadoras viven unha tempada difícil: "A toxina está á orde do día"

As mariscadoras volveron o venres pasado a exercer o seu traballo na ría de Pontevedra. Estas téñense que enfrontar continuamente a problemas como a toxina, a falta de saneamento da ría ou os furtivos
Mariscadoras traballando
photo_camera Mariscadoras traballando

As mariscadoras por fin volveron a exercer o seu labor. O pasado venres, día 15, retornaron a traballar á beira do mar tras unha tempada difícil, xa que no que vai de ano a ría pasou bastante tempo pechada. "Dunha vez estivemos tres meses: abril, maio e medio xuño, sen poder vir e, despois, comezamos a faenar. Traballamos dúas ou tres xonadas e volveu pechar 15 días máis. Agora viñemos a finais da semana pasada e parece que de momento ben, sen incidencias", comenta unha das mariscadoras preto da praia, tras unha mañá moi ocupada.

Esta traballadora do mar afirma que no que vai de ano faltaron moitos días, case catro meses en total: "O máis longo foron dous meses e medio, case tres, e aí pasámolas canutas. Menos mal que aínda nos deron unha axuda e cobramos algo para poder pagar o seguro, senón pobre de nós. Pero bueno, esta situación que temos tamén se nos acaba porque iso que dan, que é coma unha axuda, remata logo. Hai xente á que lla proporcionan durante dous ou tres meses, pero nada máis. Despois, ata que se traballa un ano enteiro, non se pode volver a recibir a prestación. E se non a tes, o seguro telo que abonar. Ó ser autónomo a Seguridade Social haina que custear de todas formas e con que che pase que non a pagas cando a recibes, a contía aumenta cincuenta euros máis".

A ría vese cerrada de forma contínua por culpa da toxina, unha substancia tóxica ou velenosa que lles impide realizar o seu oficio con normalidade. Esta está afectando con moita máis intensidade que en pasadas épocas: "O ano pasado estivemos máis ou menos igual, tamén houbera moita. É que agora a toxina ésta á orde do día, témola reiteradamente. Antes non, ó mellor fai catro ou cinco anos viña este mal, pero non de forma tan continuada".

Sumado a este inconveniente, tamén se atopa o problema do saneamento da ría, algo sobre o que este colectivo profesional non ten moitas esperanzas. A idea que predomina é que esa solución tardará tempo en chegar: "As administracións están a iso, pero penso que será a longo prazo. Xa levamos tempo esperando e seguimos igual, a ver se temos sorte. Queríamos que nos fixeran unha depuradora pero os concellos non se poñen de acordo porque o municipio de Raxó non a desexa neste lugar, e ó mellor en Praceres tampouco. Poio parece ser que a quere, pero tal vez ese non sexa o lugar idóneo...".

Por outro lado, un traballador do mar afirma que existen moitos intereses políticos polo medio. "Na ría só levarán a cabo algún apaño lixeiro. Penso que moitos peches que se realizan se deben a motivos políticos". Atribúe que unha das razóns que existe para que o problema non se solucione débese a que o bipartito que goberna en Poio (BNG e PSOE) non coincide co da Xunta (PP).

Os produtos que máis se marisquean son as ameixas xapónica e fina. A primeira delas é abundante, posto que é moito máis dura e resistente cá segunda. "Antes tiñamos berberecho, pero agora debe ser que isto está contaminado e existen virus. Pode aparecer algún pero acaba morrendo". Por outro lado, a calidade tamén parece que empeora: "Esta é peor, sobre todo en fina. Para apañar medio quilo, que é o que estamos collendo, pódense botar dúas horas e media ou tres. Ademais está sendo moi pequena".

Esta especie tamén escasea por outra razón: a presenza de furtivos nas praias. "A fina morreu moito, pero da xapónica debería haber cunchas e non as hai. Aquí veñen furtivos de día e de noite. Existe vixilancia pero é difícil. Os vixilantes traballan para a confraría e no verán tamén participamos nós, que nos repartimos por quedas, pero é difícil. Eu podo avisar ás persoas de que non se poden coller ameixas, pero elas pódenme facer caso ou non".

Algo que si que é moi positivo é o prezo dos produtos, unha contía que mellora respecto a outra tempadas. "En canto ó custo das ameixas non nos podemos queixar. No ano 2013 a ‘xapónica B’ chegou ata os dous euros largos e a ‘A’ ata tres e catro. Actualmente a ‘B’ está en seis ou sete euros, mentres que a ‘A’ en oito ou nove. A diferencia é abismal. Se non volve a toxina outra vez e seguimos así co prezo iremos quitando ben o soldo".

Esta é situación actual das mariscadoras, as cales están esperando que non se produzan máis incidencias para poder exercer o seu traballo sen máis problemas ós que enfrontarse.

Comentarios