"Traballei dez anos entre 126 homes; o femininismo sempre o tiven claro"

Yolanda Díaz é ponente no ciclo Contrariadas, en Pontevedra. Emigrante galega, leva máis anos fóra de Galicia que dentro. Uruguai deulle as oportunidades que non tivo en Sarria, onde naceu. Foi locutora do programa 'Sempre en Galiza' desde Montevideo

Yolanda Díaz Gallego, co alcalde de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Yolanda Díaz Gallego, co alcalde de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Galega de ultramar, Yolanda Díaz (1934) defendeu este xoves o labor dos emigrantes galegos en América e as súas achegas para a prosperidade da terra.

É galega pero leva máis anos vivindo fóra de Galicia que dentro. Non lle gustaría volver?
A min vir a Galicia encántame, pero vivo en Barcelona. O que pasa é que os meus fillos estudaron ala, casaron e teñen fillos alá, meu marido e miña nai están enterrados alá. Pero a Galicia veño sempre tres meses, a Sarria, durante o verán, e no ano, se podo, tamén veño. Hai máis de 60 anos que eu falto da terra. Funme aos 19 anos para Uruguai, pero Galicia lévoa dentro.

Non se considera de ningunha outra parte?
Son cidadá legal uriguaia, pero non como un feito simbólico, senón que me integrei totalmente, quero moito ese país e podo desempeñar calquera cargo público alí, excepto a presidencia da república. Cando cheguei atopei un país no que o ensino era obrigado, laico e gratuíto, onde nunca me pecharon as portas. Alí puiden facer o que non puiden facer aquí. Se algo colaborei coa terra nos anos 50 e 60 foi debido a que vivía alí e as autoridades e o ambiente mo permitían.

"As galegas en Cuba crearon unha sociedade para atender a mulleres e nenos, excluídas da mutua dos homes"

E a conciencia galeguista levouna desde Sarria ou chegoulle no Uruguai?
A miña familia era republicana. Crieime nese contexto. A miña primeira profesora era unha inspectora da Universidad de Valencia que estaba desterrada en Galicia por republicana, doña María Teresa Colom. Logo fun ao colexio de Dona Lola, cuxo marido foi asasinado nunha cuneta. Aínda que non me falaban do tema directamente, eu podía detectar cal era o ambiente. Cando rematei na Coruña os meus estudos de peritaxe mercantil, non puiden acadar o título por non ter feito o servicio social. Non quería poñer a camisa azul. Conseguín o pasaporte para poder saír do país falando cunha xefa de Falange. Foi así como fun a Uruguai.

Marchou coa súa nai.
Miña nai era unha muller da aldea moi intelixente pero sen moita preparación. Ela quería sacarnos de aquí e levarnos ao Uruguai, onde vivira durante dez anos sendo solteira. Estaba moi concienciada co futuro das súas fillas. Eu cheguei a ser empregada fundadora do Banco de Galicia en Montevideo.

Tiña algún obxectivo en especial de axuda á comunidade galega esa entidade?
Era un banco con capital galego e vaia se axudaba. O transporte urbano de Montevideo estaba en mans de galegos e se necesitaban cartos para calquera cousa -cambiar rodas, comprar pezas...- o banco prestáballe os cartos. o mesmo ocorría con galegos que querían abrir tendas de ultramarinos ou bares. Había moi pouca falta de pago porque pagaban as débedas. Eu entrei no banco de auxiliar e cando me retirei era a secretaria xeral. Traballei dez anos entre 126 homes. Eu o feminismo tíñao moi claro, xa o levaba de Sarria.

Estando en Uruguai tamén participou no programa de radio ‘Sempre en Galiza’.
Foi un programa que empezou en 1950 e que aínda continúa. Antes non recibiamos subvención, ninguén cobraba, agora si que hai axudas da Xunta e da Deputación. Tamén a Fundación Rosalía de Castro pon algo, pero que non se queixen que os emigrantes levantaron o seu edificio grazas aos cartos que puxemos os galegos de Montevideo e de Bos Aires. Aquilo era un pendello no ano 55 e mandamos 65.000 pesetas dende Montevideo para erguer o edificio da fundación. Ademais, os emigrantes fixeron 336 escolas, e os que máis colaboraron foron os emigrados en Cuba a principios de século XX. Sobre as emigradas en Cuba hai tamén unha historia. As galegas fundaron a sociedade Hijas de Galicia para atender a saúde das mulleres, xa que o Centro Galego da Habana era mutualista e atendía só a homes ou nenos maiores de dez anos. Isto foi en 1917, fíxate se eran feministas as mulleres galegas de Cuba.

"Aprendín galego na facultade de Humanidades de Montevideo"
Leva 60 anos fóra pero fala galego como se nunca marchase.
Eu aprendín galego na facultade de Humanidades de Montevideo, cando aquí non se ensinaba. Cando a Real Academia Galega declarou que o galego era lingua eu xa estaba aquí e mandei unha carta á radio a Uruguai para que a publicitaran.

Celso Emilio Ferreiro tiña unha visión crítica da emigración.
Porque el foi a Venezuela e a emigración a alí ía polos cartos. Chegou á Irmandade Galega de Caracas e pensou que ía ser o rei, pero non foi así. Escribiu O país dos ananos, pero Seoane xa o corrixiu e díxolle que estaba moi trabucado. Logo viu a Montevideo a dar unha conferencia ao centro coruñés. Aquel día pasou un tranvía e el co ruído asustouse moito porque pensou que era un terremoto. Bos Aires e Uruguai era un ambiente diferente, había unha actividade intelectual e cultural apaixoante.