"Poñemos todo o noso empeño en diminuir as desigualdades, fortalecer capacidades e mellorar o acceso a oportunidades a través dá formación e do traballo en equipo". A presidenta da asociación Boa Vida, Pepa Vázquez, explica que supón para o colectivo recibir o galardón ao labor social dos XIII Premios Pontevedreses que organiza Diario de Pontevedra.
"É un premio que para nós supón recoñecemento e visibilidade. É moi difícil en organizacións relativamente novas como a nosa, que leva sete anos na cidade (foi creada en xaneiro de 2012), que se nos vexa, que se nos coñeza e que a xente saiba que estamos traballando aos veciños e veciñas que o están pasando mal. Non é un labor doado o que estamos a desenvolver. É complicada e complexa, pero tamén gratificante cando comprobas que as persoas que o pasan mal e coas que traballas codo con codo saen adiante. Iso dá sentido á vocación do traballo social e tamén moita esperanza", explica.
A que se refire en concreto?
A que todos sabemos que estamos nun momento social e político de pouca esperanza. Non acabamos de saír da crise económica, hai falta de solidariedade e aumenta o racismo e a aporofobia (odio aos pobres). Que se recoñeza o noso labor nos aporta unha esperanza colectiva.
Como foi variando o perfil das persoas que reciben a axuda da asociación Boa Vida?
O cambio máis significativo é que aumentaron moito os inmigrantes. A crise de Venezuela e tamén o vínculo histórico que Galicia ten con este país fixo moito que aumentara dun xeito significativo a poboación desta nacionalidade. A tendencia é a mesma que a do Estado español, con informes que din que hai máis mulleres soas con cargas familiares e persoas que a partir dos 45 anos de idade están sen traballo e ás que lles costa moitísimo volver a insertarse no mundo laboral. Tamén hai outra franxa de xente nova moi preparada e con formación á que tamén lle costa entrar no mercado laboral. O traballo é a base fundamental para saír da pobreza e da exclusión social.
Hai un perfil novo de traballadores pobres aos que aínda estando no mercado laboral no son quen de chegar a fin de mes
Iso supón que o traballo facilita a independencia e evita situacións de violencia machista?
Máis que o traballo son os ingresos os que dan esa independencia. Hai un perfil novo de traballadores pobres que aínda estando no mercado laboral non son quen de chegar a fin de mes. Aínda que o salario mínimo subeu a mil euros sabemos que hai unha parte da poboación que por un lado sigue na economía sumerxida e por outro lado hai formas de facer contratos por menos horas das que se fan en realidade. Pagando 400 euros de alquiler e tendo 600 para pagar recibos e comer non se pode ir de vacacións, que é un dos índices de pobreza e exclusión en Europa. A exclusión social non consiste só na pobreza de ter que comer, ter con que vestirse e ter un teito. No século XXI a vida digna ten outros ingredientes.
Hai algunha campaña que xa estea pensando en desenvolver Boa Vida?
Estamos preparando a campaña de Nadal. Este ano presentamos proxectos para a subvención do 0,7% do IRPF para fins de interese social. É moi importante que a xente marque esa casilla na Declaración da Renda. Normalmente nos molesta ter que pagar impostos e non nos acordamos que o diñeiro nos vén de volta cando imos ao médico da Seguridade Social, cando estamos unha semana no hospital ou cando levamos aos nenos ao colexio.
A nosa sociedade funciona, aínda que nos gustaría que funcionara mellor, e un dos fondos que funcionan é a cruz que marcamos na casilla do 0,7% da Declaración da Renda. Temos seis grandes proxectos moi diversos para os que imos pedir cofinanciación á Xunta de Galicia. Un deles vai enfocado a necesidades básicas e reforzar a axuda de alimentos con kits de hixiene persoal, sempre en coordinación coas outras entidades que están traballando no ámbito da recollida de comida.
Con que recursos afronta a asociación esa cofinanciación?
Polos ingresos que obtemos polas ventas na tenda que temos na rúa Santa Clara como polos donativos e as campañas propias que desenvolvemos. Ademais, entre os nosos obxectivos máis inmediatos está empezar a traballar nas zonas rurais. Fóra do concello de Pontevedra xa vimos traballando en Vilaboa desde hai anos co desenvolvemento de proxectos para inmigrantes e de reforzo escolar. Tamén queremos chegar ata Cerdedo- Cotobade, Meis e Barro nos que os seus servizos sociais municipais nos dixeron que tiñan moitas dificultades na atención aos maiores.
Por iso imos buscar apoio finacieiro para abordar o acompañamento ás persoas maiores que están soas e que teñen que ir ao médico ao hospital Montecelo. Ademais, daríamoslle continuidade ao proxecto de axuda a inmigrantes, voluntariado e reforzo educativo, que serán necesario desenvolver se queremos ampliar o territorio sobre o que pretendemos actuar.
Pretendemos acompañar aos maiores do rural cando teñen que visitar o hospital
Ademais dos proxectos que Boa Vida ten en marcha, ¿que outros servizos ofrece á sociedade?
Contamos cunha Oficina de Dereitos e Deberes Sociais e de forma permanente temos aberta unha tenda solidaria que está situada no número 35 da Rúa Santa Clara, na que vendemos a roupa de segunda man e os accesorios que nos doan. A nosa solidaridade queda entre os nosos veciños e na economía da nosa cidade. Coa nosa actividade, que é totalmente transparente, creamos unha economía circular.
Cal é o último proxecto que puxo en marcha a asociación Boa Vida Inclusión Activa?
O da posta en marcha da empresa de inserción ‘Vivir do traballo’, que ao longo deste mes de outubro daremos de alta no IAE (Imposto de Actividades Económicas). Este é un dos proxectos que viñemos creando e alimentando nestes últimos sete anos. De feito, a nosa asociación está baseada en tres pilares que son a solidaridade coas persoas que máis o necesitan, a loita contra as causas que producen pobreza e o fomento do traballo, porque queremos vivir do traballo.
Imos continuar o que viñamos facendo pero xa nun marco lexislativo e de recoñecemento ante a sociedade e a Adminstración autonómica, coa garantía de que as persoas que están con nós van ter unha tutorización axeitada. Esperamos contar con financiación a partir do vindeiro ano.