martes. 01.12.2020 |
El tiempo
martes. 01.12.2020
El tiempo

Os traballos do saneamento de Campañó poderán iniciarse nun mes

Recreación de como quedará Echegaray tralos traballos de reforma. CONCELLO
Recreación de como quedará Echegaray tralos traballos de reforma. CONCELLO

A Xunta de Goberno aprobou o proxecto, que se completará cunha segunda fase, xunto co da inminente reforma de Echegaray

As obras de saneamento do proxecto Campañó Sur poderán comezar "na segunda quincena do mes de maio, segundo dixo a empresa", anunciou onte o portavoz do Goberno local, Raimundo González, trala Xunta de Goberno Local que aprobou este proxecto e mailo da rúa Echegaray, incluídos dentro das obras que ten que executar a empresa concesionaria do ciclo da auga, Viaqua, dentro das melloras incluídas do novo contrato.

Deste xeito, subliñou, xa estarían listos para investir ou en proceso de execución seis millóns de euros do contrato, sumado ás obras da primeira fase de Verducido e a rúa da Porta Grande.No que ao saneamento de Campañó Sur respecta dará servizo aos lugares de Campañó de Arriba, Piñeiro, Carballiños, Pedreira, Moldes e o Freixo, e terá un importe de 2.314.880,80 euros. Vai dar servizo a 160 vivendas.

O tamén responsable do Ciclo da Auga lembrou a asemblea veciñal na que os residentes se comprometeron a solicitar os permisos para pasar por fincas privadas e serventías e tamén achegaron algunha suxestión ao trazado. Así mesmo, apuntou que Viaqua está pendente de presentar o Plan de seguridade e saúde e tamén está en marcha a selección da empresa adxudicataria.

Este proxecto completarase cunha segunda intervención na parroquia (Campañó norte) que ten un orzamento de 1.818.000 euros e que se presentará no Concello «nos vindeiros días ou semanas», sinalou González.

A segunda das iniciativas que aprobou foi a reforma da rúa Echegaray, que supón a renovación da práctica totalidade dos servizos: rede de saneamento, pluviais, de auga da marxe dereita e a canalización de iluminación. A reforma en superficie seguirá os mesmos estándares que o resto da cidade.

Deste xeito, gañarase espazo para os peóns ampliando as beirarrúas. Haberá unha superficie de 1.804 metros cadrados de urbanización de beirarrúas e 1.634 metros cadrados de estacionamentos e viais.

O edil lembrou que na reunión celebrada recentemente cos veciños "pedíronnos que axilizaramos a obra», polo que se acordou iniciala canto antes. Así poderá comezar a finais de mes ou a primeiros de xuño. Tratarase de evitar o maior número de prexuízos aos residentes, polo que a obra se fará primeiro nunha marxe e logo na outra. Deste xeito, subliñou, "sempre terán garantido o acceso, peonil e para vehículos, os veciños, os comerciantes e para servizos", polo que os cortes de tráfico serán "puntuais".

A actuación terá unha duración de seis meses e un orzamento de 694.424,38 euros.

Con estas, apuntou o concelleiro, a empresa Viaqua xa ten aprobadas ou iniciadas obras por valor de seis millóns de auga do novo contrato de abastecemento e saneamento. Ademais, os vindeiros tres proxectos que serán aprobados polo Concello serán o de Campañó norte, Santo André de Xeve, e a rede de auga potable á parroquia de Mourente, que permitirá abastecer dende o depósito de Castro Senín ao futuro gran Montecelo e parte da parroquia. Este último proxecto "presentarémolo aos veciños proximamente".

En total estaría aprobada e en execución o 25% das obras de mellora que ten ofertada a empresa Viaqua nos investimentos tanto da rede de saneamento como de auga.

XERMÁN ADRIO. Por outra banda, a Concellaría de Servizos acometerá unha limpeza xeral na rúa Germán Adrio Sobrido, en ambas marxes. Será na vindeira madrugada, polo que a zona de estacionamento estará valada dende esta tarde prohibindo o aparcamento nas horas anteriores aos traballos.

Os vehículos que permanezan estacionados serán retirados polo guindastre municipal. A limpeza farase con máquinas de varrer e limpadoras de auga a presión tanto na beirarrúa como na beiravía e na calzada, polo que a Concellaría solicita a colaboración de todos os veciños e tamén dos condutores para garantir un bo resultado.

Ao mesmo tempo, pide desculpas polos inconvenientes que poidan ocasionar estes labores habituais do Concello.

Os traballos do saneamento de Campañó poderán iniciarse nun mes
Comentarios