Martes. 18.09.2018 |
El tiempo
Martes. 18.09.2018
El tiempo

Trece dos 20 proxectos do novo coworking de Barro están liderados por mulleres

Silva visitou aos participantes na segunda edición do coworking. DP
Silva visitou aos participantes na segunda edición do coworking. DP

Moitos dos emprendedores da segunda edición céntranse nas novas tecnoloxías

Un total de 20 proxectos emprendedores iniciaron xa a segunda edición do coworking impulsado pola Deputación de Pontevedra e pola EOI no viveiro de empresas de Barro.

A maioría ten que ver con novas demandas sociais, relacionadas especialmente coas novas tecnoloxías: a fotografía dixital, a publicidade online, a arqueoloxía, o turismo ou a tecnoloxía dixital e, ademais, 13 están liderados por mulleres.

Eses foron dous dos aspectos que destacou a presidenta provincial, Carmela Silva, durante a visita que realizou este luns á edición que acaba de comezar, que se prolongará durante cinco meses.

Silva, que estivo acompañada polo deputado David Regades e polo alcalde e o tenente de alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes e José Sanmartín, subliñou a importancia do emprendemento como unha vía para dar resposta ás esas demandas sociais.

Carmela Silva mostrou a súa satisfacción pola cantidade de emprendedoras que participan nesta edición. "As mulleres somos algo máis do cincuenta por cento da poboación, e polo tanto, temos que estar en máis do cincuenta por cento do emprendemento, encabezando ideas, proxectos e empresas", asegurou.

CINCO MESES. Durante os vindeiros cinco meses, todos os proxectos disporán dun espazo gratuíto no viveiro de empresas de Barro, recibirán 40 horas de mentorización personalizada e participarán en máis de 60 horas de formación especializada a través de obradoiros e sesións formativas. Ademais, todos os participantes poderán facer uso tamén do proxecto SmartPeme, a rede de asesoramento e formación en TICs que a Deputación ten en marcha "non só para formar en novas tecnoloxías, senón que esa formación global que prestamos se adecúa ás necesidades específicas de cada persoa asesorada na rede", indicou Silva.

Pola súa banda, o rexedor de Barro destacou a importancia de iniciativas coma este espazo coworking e afirmou que "sen programas así habería moitas ideas que estarían perdidas pero non se poderían sacar adiante". Salientou que, grazas a isto, no viveiro de empresas de Barro "non só temos un espazo para albergar proxectos e empresas, senón que tamén temos un espazo para a formación e para o acompañamento de novos emprendedores".

Ademais de autoridades, no acto de inauguración tamén participou unha das mulleres emprendedoras que formou parte da primeira edición do espazo coworking e que está vendo como a súa idea ten éxito e saíndo adiante. Elia Costas, co seu proxecto El asegurado enterado, explicoulles aos novos participantes que, con esta iniciativa, ademais de dispor dun espazo de traballo e de toda a información posible, "o máis importante é ter acceso a persoas que se van implicar ao cen por cen con nós e loitar por facer posible que a nosa idea funcione", tal e como manifestou.

Alumnos de FP visitan o DepoFabLab
Tras o saúdo ao grupo de emprendedores que participan nesta segunda edición do espazo coworking, a presidenta da Deputación e os representantes do Concello de Barro tamén se achegaron a visitar a un grupo de estudantes da provincia que estaban visitando o FabLab ou Laboratorio de Fabricación Dixital que a Deputación impulsa no mesmo parque empresarial.

Trátase de alumnos dos centros de ensino gañadores do programa Depoemprende na FP, posto en marcha polo Goberno provincial para fomentar a cultura emprendedora entre a poboación máis nova.

Carmela Silva aseguroulles que "estamos nun viveiro de empresas", polo que é posible que "o día de mañá, algún dos seus espazos estea ocupado por algún dos proxectos que vós creastes a través de Depoemprende".

O FabLab conta con impresoras e escáneres 3D, kits de Arduino, fresadora de madeira, soldadores e material electrónico diverso, ferramentas e ordenadores de sobremesa con grande capacidade, entre outros recursos.

Trece dos 20 proxectos do novo coworking de Barro están liderados...
Comentarios