martes. 23.07.2019 |
El tiempo
martes. 23.07.2019
El tiempo

Trece herbas para espantar as bruxas

Juan Martínez preparando un ramo na súa florería. JAVIER CERVERA - MERCADILLO
Juan Martínez preparando un ramo na súa florería. JAVIER CERVERA - MERCADILLO

A tradición de elaborar o cacho de San Xoán vai en aumento, corrobórao o encargado da florería Soportales, que adoita vender arredor dun milleiro de ramos nos días previos

ÁRNICA, fiúncho, menta, flor de castiñeiro, ruda ou trementelo. Son só algunhas das herbas que compoñen o ramo tradicional para elaborar o cacho de San Xoán. Aprendeuno Juan Martínez nos tempos nos que vendía flores na Praza de Abastos de Pontevedra e nos últimos 34 anos ten adicado boa parte do mes de xuño a buscar, localizar e recolectar os ingredientes que compoñen o tradicional cacho da noite máis máxica do ano para vendelos na súa florería Soportales.

A tradición manda colocar as trece herbas nun recipiente con auga de sete fontes diferentes e deixala toda a noite de San Xoán baixo o orballo. O obxectivo é lavar a cara con esa auga pola mañá. "Suponse que con esa auga gañas en beleza e espantas as bruxas", conta Martínez.

"Hai quen di que con sete herbas chega, pero non é así, a tradición é facer o cacho con 13 especies propias das Rías Baixas. Noutras zonas de Galicia, como Ourense, as herbas son outras", conta o traballador da florería Soportales. Herbas aromáticas coma o fiúncho ou con propiedades curativas, como a árnica ou a ruda, compoñen o feitizo propio do solsticio de todos os veráns. "O que non lle engadimos nós é eucalipto, porque non é unha árbore propia de aquí que, ademais, degrada o bosque, aínda que non esteamos en contra do seu cultivo controlado", conta.

Percorren un radio de 100 quilómetros para atopar as herbas

Da degradación do monte e a desaparición de especies é testemuña o florista, que nos 34 anos que leva buscando herbas ten comprobado como cada vez é máis complicado atopar algunhas das plantas. "O máis difícil é o trementelo, os montes están moi descoidados e todo se volven silvas", conta. Para realizar os ramos percorre un radio de ata 100 quilómetros. Por exemplo, para coller árnica non precisa saír de Pontevedra, pero se quere trementelo ten que ir cara ao interior.

A finalidade é que os máis supersticiosos da cidade poidan comprar o seu ramo para a noite máis máxica do ano. Custa dous euros e está dispoñible na florería dende o vindeiro xoves pola tarde ata o propio domingo. Noutros anos as vendas teñen rondado os mil ramos. Ben non fará, pero mal tampouco.

Trece herbas para espantar as bruxas
Comentarios