Facer visibles os problemas que sofren cada día as persoas celíacas e poñer en valor o labor das empresas que enfocan a súa produción á elaboración de produtos sen glute son os principais obxectivos cos que a Concellería de Promoción Económica organiza a I Feira Turismo de Sabores Sen Glute.
O evento, que abrirá na Praza de España o sábado 25 e o domingo 26 de marzo en horario de 11.30 a 20.00 horas, contará cunha trintena de expositores que ofrecerán unha ampla variedade de alimentos e bebidas sen glute, tanto para degustar como para mercar.
A concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, sinalou que a feira "nace co obxectivo de potenciar un sector alimenticio cada vez máis demandado polos propios consumidores e polos produtores". "Animamos a toda a cidadanía a que se achegue ata a Praza de España –dixo a edil do PSOE–. Adaptaremos stands e os produtores e empresas interesados poidan realizar negocios de colaboración ou networking".
Entre os produtos que poderán degustarse figuan bebidas de hidromel, meles, queixos, pementón, marmeladas, embutidos, anchoas, elaboracións artesanais con algas variadas, garavanzos, arroces, fideuás, caldeiradas de peixe, cogomelos, aceites, licores, chocolates, patés, caramelos, conservas, cervexa, café, cocktails, cremas de froitos secos ou receitas con flores e bagas do saúco.