domingo. 12.07.2020 |
El tiempo
domingo. 12.07.2020
El tiempo

A Troca de Libros bate récords e xa pensa en duplicar a convocatoria

ATrocadeLibros
ATrocadeLibros
A cita, marcada polas medidas anticovid, celebrouse por primeira vez ao aire libre

A terceira edición da Troca de Libros aberta a toda a comunidade educativa de Pontevedra celebrouse este domingo no paseo das Palmeiras e resultou un éxito, pese a que a inoportuna chuvieira se presentou en plena actividade.

A iniciativa, que reuniu uns 7.000 libros recollidos por 14 centros educativos da cidade e nove ANPA, íase realizar no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil o pasado mes de marzo, pero viuse afectada polo estado de alarma e a suspensión de todo tipo de actividades. Deste xeito, todos os volumes entregados nas semanas anteriores a cambio duns vales quedaron en corentena nos colexios esperando a súa oportunidade para recibir unha nova vida por parte doutros lectores.

E este domingo chegou o día, nun novo emprazamento, coa colaboración do Concello de Pontevedra e sen perder de vista as obrigas marcadas pola nova normalidade. Deste xeito, os postos situáronse a suficiente distancia entre eles e todos dispuxeron de xel hidroalcohólico. Así mesmo, todas as persoas portaron máscara, tanto os docentes e representantes das ANPA que estaban detrás dos stands como as que se achegaron na procura de novos libros cos seus vales.

"El año pasado contabilizamos unos 5.000 y este año hubo más", explicou David Castro, profesor do IES Torrente Ballester e organizador da iniciativa. "Reunimos cerca de 7.000". Só no CEIP Vilaverde-Mourente xuntaron 900.

Puxo a disposición 7.000 exemplares

Ademais destes dous centros participaron os CEIP de Marcón, A Xunqueira I e II, Álvarez Limeses e Manuel Vidal Portela, os CEP Campolongo e Marcos da Portela, os CPR Plurilingüe Calasancio e Sagrado Corazón, a EEI Crespo Rivas e o IES A Xunqueira II. As ANPA implicadas foron Celso Emili Ferreiro, Joaquín Costa, Río Lérez, San Xosé, O Miradoiro, O Pino, Xocas (IES Frei Martín Sarmiento) e as dos colexios de Marcón e o Vilaverde. "Lo sorprendente es que, a pesar de la lluvia, la gente seguía viniendo igual. Estamos muy contentos".

Nos postos a oferta literaria era notablemente variada, sobre todo pensada para escolares de Infantil e Primaria, xa que os institutos "todavía se resisten a participar". Así, encontraron novo fogar desde libros ilustrados aos protagonizados por personaxes como Peppa Pig, Teo ou os Os Bolechas, sen esquecer os clásicos contos infantís. Non faltaron exemplares para rapazada de máis idade, como os do Barco de Vapor ou coleccións como as de Greg ou Nikki, ademais de literatura para adultos e mesmo algúns manuais de texto.

"La gente que va a primera hora se lleva los mejores libros, esos vuelan", comenta Castro. Outras persoas proban sorte, pero ninguén marchou coas mans baleiras. Os libros que sobraron volverán aos seus respectivos centros á espera da vindeira edición.

Que pasará no futuro? Castro aplaude a integración da Troca no Salón do Libro, pero o feito de celebrala no centro da cidade tamén ten vantaxes. "Preferimos el Salón", pero non descartan outra convocatoria, «hablando con el Concello, que podría ser a final de curso, para que se lleven lecturas para el verano". Deste xeito ata se podería abrir a iniciativa a toda á poboación e non só restrinxila á comunidade educativa.

A Troca de Libros bate récords e xa pensa en duplicar a convocatoria
Comentarios