A Tropa do Clima volverá á acción este mércores 22 co gallo do Día Mundial da Auga

Uns 200 alumnos e alumnas de seis institutos da cidade protagonizarán unha xornada de concienciación
Labores de limpeza feitas por voluntarios no río Gafos. RAFA FARIÑA
photo_camera Foto de arquivo de labores de limpeza feitas por voluntarios no río Gafos. RAFA FARIÑA

A Tropa do Clima, unha rede de cooperación posta en marcha o ano pasado polos IES Frei Martín Sarmiento e Sánchez Cantón para implicar aos estudantes dos centros de Ensino Secundario de Pontevedra na creación de clubs Contra o Cambio Climático e en diversas intervencións medioambientais ao longo do ano, volverá á acción este mércores 22 co gallo do Día Mundial da Auga.

Uns 200 alumnos e alumnas de seis institutos da cidade protagonizarán unha xornada de concienciación impulsada co apoio da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e que incluirá unha charla, unha limpeza do treito urbano do río dos Gafos e unha plantación de árbores no contorno de Ponte Boleira.

Participarán na iniciativa os IES Frei Martín Sarmiento, Torrente Ballester, Valle Inclán, Sánchez Cantón, A Xunqueira I e A Xunqueira II.

A xornada arrincará ás 10.00 horas no paraninfo do Sánchez Cantón cunha conferencia do presidente da asociación ecoloxista Vaipolorío sobre a importancia do Gafos como contorno natural, organizándose posteriormente dous ou tres grupos de alumnos que actuarán como equipos de limpeza no treito urbano do río.

Posteriormente reuniranse nas inmediacións do muíño de Ponte Boleira para realizar unha plantación simbólica de carballos, un acto no que tamén participará o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes.

Comentarios