"Tuve más miedo de perder el trabajo que de los efectos del virus en mi organismo". Son palabras de Ana, teleoperadora, que o pasado 16 de marzo se levantou con febre e aínda así non pensou en faltar ao traballo, pois "trabajo para una ETT y me pueden echar cuando quieran; todavía no sé lo que pasará". Un emprego no que "no había ninguna medida de prevención" e no que non sabe se lle renovarán, mentres agarda para facer o test do coronavirus.
A súa historia formou parte do manifesto lido onte na praza de Ourense por representantes de Cáritas e de Manos Unidas, titulado Polo Traballo Decente.
Xunto á asociación Boa Vida, estas entidades convidaron á cidadanía a informarse e participar do voluntariado da cidade. As tres organizacións deron e pediron información, "como un dos valores importantes para participar de xeito activo na sociedade e na construción dun mundo máis xusto e solidario". Pepa Vázquez, de Boa Vida, abriu o pechou o acto con música con contidos solidarios e de esperanza. A forma de recoller información da cidadanía foi a través de dúas enquisas breves para promover a reflexión colectiva sobre o traballo do voluntariado nas migracións.
A través delas a cidadanía pontevedresa puido deixar a súa opinión ao respecto e tamén coñecer como poden colaborar contribuíndo con tempo, ideas e recursos económicos "a que a solidariedade sexa nestes tempos da covid-19 o ingrediente que nos siga facendo unha cidade cohesionada onde a xustiza social é reflexo das súas xentes". A organización subliñou que contaban con todas as medidas de seguridade para que non se produzan contactos, con xel, máscaras, luvas e a distancia pertinentes para recoller información dun cento de persoas.
INGRESO MÍNIMO. A historia de Ana non foi a única que saíu no manifesto. "Hoxe empecei a traballar e o primeiro día foi duro -explicou outro testemuño-. No meu contrato figura unha xornada real de catro horas e media e, en realidade, foron case nove... con moita presión por parte do xefe".
As entidades convocantes urxen adoptar medidas necesarias para conseguir que o traballo decente sexa unha realidade accesible para todas as persoas, con condicións que permitan manter unha vida digna e que a protección social chegue a todas as persoas que o necesitan. Así, apostan por un novo sistema produtivo, lograr o recoñecemento social e laboral dos empregos esenciais para a vida, recoñecer o dereito á protección social sen que estea supeditado á vida laboral, garantir o ingreso mínimo vital e asegurar a percepción do subsidio extraordinario ás traballadoras do fogar e que se recoñeza o seu dereito á prestación por desemprego.