Últimos días para presentar candidaturas ao Premio Cidade de Pontevedra

O prazo de recepción das propostas finaliza o martes 5 de xaneiro
Acto de entrega do Premio Cidade de Pontevedra da pasada edición. GONZALO GARCÍA
photo_camera Acto de entrega do Premio Cidade de Pontevedra da pasada edición. GONZALO GARCÍA

A convocatoria do Premio Cidade de Pontevedra 2020 apura os últimos días para a presentación de solicitudes. Así, o prazo está aberto ata o martes 5 de xaneiro, podendo as persoas, asociacións, entidades ou colectivos interesados achegar as súas propostas ao Rexistro do Concello.

Deste xeito, cada solicitude deberá levar unha memoria xustificativa que explique os méritos da persoa ou entidade escollida. O recoñecemento ten como finalidade galardoar o relevante labor desenvolto na modalidade individual por unha persoa física e, na modalidade colectiva, por persoas xurídicas (asociacións, entidades ou colectivos de caracter cultural, social xuvenil, empresarial, etc..) en prol da proxección de Pontevedra e dos pontevedrses, especialmente no último ano.

BASES. Para cada unha das modalidades outorgarase un único premio, que consistirá nun Teucro de prata e un diploma. Os candidatos de ambas as dúas modalidades poderán ser propostos por calquera asociación, institución, entidade ou colectivo do municipio de Pontevedra; sen que poida ningunha delas propoñerse a ela mesma. Asimesmo, as persoas físicas ou xurídicas propostas deberán sempre ter coñecemento da súa candidatura.

XURADO. Estará composto polos membros da Comisión Informativa da área correspondente, tomando parte proporcionalmente os distintos grupos municipais e coa presidencia ocupada polo alcalde, un representante elixido entre as asociacións veciñais, outro entre as culturais e un terceiro entre os medios de información con impacto no municipio.

Todos os membros tratarán de consensuar un ditame unánime. De non ser así, a conceción dos galardóns se resolverá pola obtención dunha maioría cualificada de dous tercios. A decisión será inapelable, podendo o premio ser declarado deserto.

ENTREGA DE PREMIOS. A corporación comunicaralles aos galardoados a concesión dos premios, que serán entregados nun acto previsto para o 20 de xaneiro, coincidindo coa festividade de San Sebastián. 

Comentarios