Un cento de panos

Sete Espadelas reúne, nunha exposición para o Museo que se poderá visitar ata o 1 de setembro, dende panos de cotío a mantóns de Manila dos séculos XIX e XX
Un mantón branco confeccionado en 1820. EMILIO MOLDES
photo_camera Un mantón branco confeccionado en 1820. EMILIO MOLDES

Máis dun cento de panos e mantóns compoñen a exposición Galicia, a terra dos mil panos, que o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolle ata o 1 de setembro. Trátase dunha mostra da asociación etnográfica Sete Espadelas, que rende así homenaxe a esta prenda de vestir repasando a súa historia, orixe e uso dentro do traxe tradicional galego.

Carmen Villar, de 101 anos, sinalando a foto na que aparece. EMILIO MOLDESA colección de panos, que inclúe pezas do século XIX e do XX, a máis antiga de 1820, complétase con tres traxes completos, ourivaría e fotografías históricas. Nunha destas imaxes, datada en 1936 na Estrada, aparece Carmen Villar no medio dun grupo de mozas que, vestidas de gala, foran recibir aos soldados que chegaban da guerra. A muller, de 101 anos —na foto, acudiu o mércores á inauguración da mostra do Museo.

"A exposición aparece dividida en tres partes", explicou, na presentación, un dos comisarios, José Luis Rodríguez (o outro é David Quiñones). "Na primeira aparecen os que serían os panos de cotío". A segunda, "a máis vistosa e chamativa", está, á súa vez, dividida en dous tipos de prendas: os mantóns de Manila e os panos de oito puntas. "Os mantóns de Manila bordábanse en Cantón e dende alí pasaban a Filipinas. De alí a Acapulco e a Veracruz e, despois, a Sevilla e Cádiz, para finalmente rematar en Galicia".

Carmen Villar, que aparece nunha foto, aos 101 anos acudiu á apertura

Nestas pezas, coidadas ata o detalle, chama a atención a delicadeza da decoración que se mantiña mesmo nas propias caixas de madeira de palma que as contiñan, dun curioso preciosismo e que tamén se expoñen. Sobre os panos de Paisley, realizados orixinalmente en Escocia para cubrir os traxes da época vitoriana e que en Galicia se chamaron das oito puntas, José Luis Rodríguez explicou que medían arredor de tres metros e medio por un e medio.

A última parte da exposición está adicada aos mantóns que se facían en Galicia, tanto os de seda que se facían no século XIX nunha fábrica da Coruña como os que se confeccionaban con la en Muros, "dunha delicadeza extrema". Neste último apartado da mostra tamén se poden ver panos de homes, que podían ser de dous tipos: os que se empregaban na cabeza, debaixo da monteira, e os denominados panos de namorar, "que as mozas lle regalaban aos seus noivos e que estes lucían para sinalar que estaban emparellados".

Comentarios