miércoles. 27.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 27.10.2021
El tiempo

Un ciclo de cine propón a relectura de clásicos da industria norteamericana

Un fotograma de 'A fera da miña nena'
Un fotograma de 'A fera da miña nena'
Oito proxeccións e dous relatorios conforman o programa da actividade, aberta á cidadanía, que terá lugar na Casa das Campás

Oito proxeccións e dous relatorios integran o programa de A conversa sen fin: cinema e relectura en Hollywood, o ciclo que, cada venres (19.15 horas), a partir de mañá, na Casa das Campás, proporá unha revisión deses filmes da industria norteamericana que beben doutras películas previas para a súa construción, agrupando as proxeccións por parellas para amosar de forma consecutiva as películas que serven como punto de partida e, á semana seguinte, a revisión que outros cineastas fixeron destas.

Son filmes que toman como punto de partida outras películas que, dun modo máis ou menos evidente, relén relatos previamente construídos pola industria cinematográfica.

"Moita xente sorprenderíase de que moitas películas que viron son versións ou homenaxes a outros filmes que non teñen interiorizados", salienta o programador Suso Novás, coordinador deste ciclo inserido na programación cultural da Vicerreitoría do campus. A través de catro emparellamentos, busca "confrontar dúas películas en dúas sesións consecutivas para que a xente vexa as concomitancias e diferenzas entre ambas".

Suso Novás: "Moita xente sorprenderíase de que moitas películas que viron son versións ou homenaxes a outras"

ABERTO Á CIDADANÍA. Este ciclo está aberto a toda a cidadanía e centrado na industria norteamericana, onde resulta "especialmente significativa unha práctica habitual no devir da historia do cinema", isto é, a revisión, homenaxe, parodia ou posta en cuestión de "textos previos". Centrarase, como explica Novás, en filmes que "non parecen relecturas" e que non implican "un mimetismo directo" coa película coa que dialogan.

A conversa sen fin botará a andar mañá coa proxección do western de George Stevens Raíces profundas, continuando o 21 de outubro coa "homenaxe a este clásico" que Clint Eastwood formula en O xinete pálido.

Tras elas, o día 28 terá lugar o relatorio Relectura da modernidade no thriller dos anos setenta, a cargo do programador e crítico José Manuel López, membro do consello de redacción de Caimán Cuadernos de Cine.

En novembro, este ciclo, no que cada proxección se verá completada cun coloquio, abrirase o venres 4 con A fera da miña nena, de Howard Hawks, sucedida pola "versión practicamente declarada" que 34 anos despois realiza "o gran cineasta cinéfilo estadounidense" Peter Bogdanovich en Que me pasa, doutor?. Tras elas, a Casa das Campás acollerá o día 18 a proxección de O último refuxio, "unha das obras fundamentais" de Raoul Wash, para sete días despois amosar como este cineasta traslada este relato "a outro xénero" co western Xuntos ata a morte.

CONFERENCIAS. Unha conferencia do propio Novás sobre un director que constitúe un "caso paradigmático dun cineasta capaz de construír un discurso propio a través de homenaxes, citas e xogos" como Brian De Palma abrirá as sesións programadas para decembro.

O ciclo despedirase ese mesmo mes coas proxeccións, os días 8 e 16, de Só o ceo o sabe, de Douglas Sirk, e de Lonxe do ceo, de Todd Haynes, película que case 50 anos despois propón "unha relectura intensa desde o punto de vista temático dun dos grandes realizadores do melodrama estadounidense", partindo da mesma "premisa argumental e dramática" para logo levar o filme "por outros camiños", como apunta o programador.

Un ciclo de cine propón a relectura de clásicos da industria...
Comentarios
ç