O Teatro Principal acolle a estrea da curtametraxe 'Estatus'

O reparto está formado por intérpretes coñecidos como Fran Paredes, Susana Sampedro e Laura Ponte.

As portas para poder ver Estatus abriranse ás 20.30 horas deste mércores
photo_camera As portas para poder ver Estatus abriranse ás 20.30 horas deste mércores

Estatus, unha curta dirixida polo estudante de Comunicación Audiovisual Ricardo Araújo, que vén de triunfar no FIC Bueu, proxectarase este mércores no Teatro Principal de Pontevedra.

A peza, nacida no seo da materia Guión, produción e realización de ficción, narra "a historia dunha familia poderosa, obrigada a tomar unha decisión que pode marcar a súa posición dentro dunha sociedade distópica, gobernada por un sistema controlador, na que ninguén pode ocultar a característica máis esencial do seu ser, o seu status".

A súa proxección verase complementada nesta presentación por un making of, actuacións musicais e un coloquio co equipo técnico, formado por doce persoas. Tamén confirmou a súa asistencia unha das actrices, Laura Ponte. O elenco está formado por recoñecidos intérpretes, como Fran Paredes, Susana Sampedro, Fernando Tato e a propia Ponte, todos eles populares, por exemplo, por aparecer nalgún momento na serie Serramoura da TVG. Completa o elenco o pequeno Diego González.

As portas abriranse ás 20.30 horas e terá lugar a actuación musical de Dani Cornes. A continuación proxectarase a curta e o making of e desenvolverase o coloquio co equipo técnico. A actuación de Los Txapuzas pechará o acto. A entrada é libre.

Comentarios