Un mural para homenaxear ás familias represaliadas

Kiko da Silva e o seu equipo mostran na Casa da Luz a ilustración de catro metros que realizaron o 30 de novembro en Pontevedra
Os participantes no acto do Concello diante do debuxo de Kiko da Silva e dos seus colaboradores
photo_camera Os participantes no acto do Concello diante do debuxo de Kiko da Silva e dos seus colaboradores

Representantes de nove familias pontevedresas "sindicalistas, obreiras e agraristas", represaliadas durante a ditadura franquista, recibiron este xoves, na Casa da Luz, unha gravación que recolle o acto de homenaxe que na súa honra se celebrou o pasado 30 de novembro no Teatro Principal. Aquela proposta, que fixo unha lembranza das familias mesturando teatro, música e historia, estivo presidida por un mural de catro metros de lonxitude, que comezou a pintar en directo o debuxante Kiko da Silva, director da escola O Garaxe Hermético, coa colaboración de dous dos seus alumnos de terceiro curso, Miriam Iglesias e Alberto Cardona. No acto que se celebrou onte na Casa da Luz quedou descuberto o aspecto final do mural. 

"Comezámolo aquel día no Teatro Principal, pero rematámolo ao longo daquela semana", explica Da Silva, que lembra que estaba concibido dende un primeiro momento como unha homenaxe ás vítimas da represión franquista. "Na parte superior aparecen os nomes dos mortos e na de abaixo unha recreación da cidade".

Membros das nove familias homenaxeadas recibiron na Casa da Luz a gravación do acto celebrado o 30 de novembro no Principal

NOMES PROPIOS. Adelina, Señora Pepa, Olivia, Maximino, Rosa, Elvira e América son algúns dos nomes propios que aparecen sobrevoando unha Pontevedra na que aparece a Casa do Concello e a Ponte dos Tirantes, entre outras infraestruturas recoñecibles da capital da provincia. 

Fillos, netos, sobriños e outros membros das familias represaliadas, entre as que estaban os Gama, Méndez, Gómez Lodeiro e Sánchez Casalderrey, participaron no acto de presentación do mural. 

O traballo, realizado por Da Silva, Miriam Iglesias e Alberto Cardona, ocupará un espazo público destacado da cidade

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, informaba este xoves da instalación do mural na Casa da Luz, para a celebración da homenaxe, ao tempo que avanzaba que a intención do Concello é que o traballo ocupe un espazo público destacado da cidade. "Estamos mirando onde se podería colocar, unha cuestión complexa debido ás súas dimensións". 

Co acto do 30 de novembro no Teatro Principal, o Concello de Pontevedra clausuraba a programación arredor da memoria histórica e da reivindicación das vítimas que realizou ao longo de todo aquel mes na cidade.

Comentarios