Un oco para Manuel María nas festas

Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel presentan os poemas musicados do de Outeiro de Rei no seu disco 'A voz do vento'
Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel, na praza da Ferrería
photo_camera Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel, na praza da Ferrería

O homenaxeado na vindeira edición das Letras Galegas, Manuel María, tivo un oco nas Festas da Peregrina coa actuación de Fran Amil e A Tribo Incomprensíbel na Praza da Ferraría a noite deste mércores. Os presentes na cita gozaron dunha velada chea de poesía na que non faltou o recordo ao poeta Manuel María.

Os artistas interpretaron algúns dos poemas do de Outeiro de Rei e que aparecen recollidos no libro-CD A voz do vento.

Este proxecto recolle once composicións dos poemarios Terra Chá, Proba documental, Aldraxe contra a xistra, Cantos rodados para alleados e colonizados, Versos do lume e o vagalume, A luz resucitada, As lúcidas lúas do outono e Sonetos á casa de Hortas, e conta cunha banda composta por Aarón Bouzón, Álex Bardanca, Fran Amil, Paco Cerdeira e Ricardo Casás. O libro que acompaña o disco ten ilustracións de Jano.

Na cita deste mércores na Ferraría, os artistas achegaron aos presentes algúns dos versos do autor en formato musical. Este proxecto resulta da colaboración deste grupo de músicos coa Mesa pola Normalización Lingüística.

LETRAS GALEGAS. A figura de Manuel María cobrou importancia este ano despois de que a Real Academia Galega anunciase que sería o autor homenaxeado o 17 de maio de 2016, Día das Letras Galegas.

A iniciativa de artistas como Fran Amil e A Tribo Incomprensíbel axuda a visibilizar o traballo do escritor lucense, un dos máis prolíficos da literatura galega.

Comentarios