Unha de cogomelos!

A asociación Brincabois activa o servizo de identificación de fungos e as saídas cos colexios
Unha nai e un neno durante unha saída ó monte para recoller cogomelos. CABALAR (EFE)
photo_camera Unha nai e un neno durante unha saída ó monte para recoller cogomelos. CABALAR (EFE)

SAÍR Ó monte na procura de cogomelos é unha actividade das poucas que aínda non levou por diante a covid-19. Deste xeito foron moitas as persoas que nas primeiras fins de semana do outono se lanzaron para percorrer as fragas da comarca na busca dos fungos comestibles, auténtico manxar para o padal. E é que a contorna das Rías Baixas abeira numerosos espazos verdes ricos na presenza de cogomelos.

Soutos e carballeiras en setembro e outubro, piñeirais en novembro e eucaliptais en decembro e xaneiro son os lugares e tempos idóneos segundo os expertos da agrupación micolóxica de Pontevedra Brincabois para saír a polos cogomelos.

"Recolléronse moitos boletus, pero algunhas especies aínda están a saír"

IDENTIFICACIÓN. Entre as principais recomendacións, o presidente desta asociación, Jaime Bernardo Blanco, destaca a importancia da identificación do tipo de fungo que atopado. "Ante todo recomendamos prudencia, se apañamos algún cogomelo para comer temos que ter moi claro que estea ben identificado e non aventurarse porque as consecuencias poden ser nefastas", di o responsable deste colectivo que explica que tamén a crise sanitaria obrigou a reducir a actividade de Brincabois.

O que si vén de activar é o seu servizo de identificación en Pontevedra. "Decidimos reducir as nosas actividades para o público de Pontevedra ao servizo de identificación de cogomelos dos luns e os mércores micolóxicos", indica. Así, malia que polo de agora non se levarán a cabo xornadas formativas, os expertos micólogos agardarán todos os luns no bodegón Arca (rúa Álvarez Limeses) e os mércores no bar La Reina del Raxo, en Mourente, na rotonda do cruce ao hospital. "Estaremos dende o luns 19 de outubro ata o 21 de decembro e dende o mércores 21 de outubro ata o mércores 23 de decembro, respectivamente, dende as 20.30 ata as 22.30 horas", engade Blanco Dios.

Jaime Blanco (esquerda), este luns no bodegón Arca. RAFA FARIÑA
Jaime Blanco (esquerda), este luns no bodegón Arca. RAFA FARIÑA
 

Nos primeiros días da estación da chuvia déronse ben os boletus e mailas cantarelas. "Algunhas aínda están empezando a saír, porque o frío que houbo hai un par de semanas e a falta de chuvia nalgún momento fan que aínda haxa algunhas especies", advirte o presidente da agrupación micolóxica de Pontevedra.

SAÍDAS DOS COLEXIOS. Outra iniciativa que se manterá malia a covid son as saídas cos escolares. Polo de agora Brincabois, a través do Concello e os colexios de Pontevedra, ten programadas un total de once saídas nas contornas dos distintos centros escolares. Van dirixidas a alumnos de entre cuarto e sexto de Primaria e inclúen unha pequena charla sobre as distintas especies de cogomelos e unha exposición cos distintos exemplares recollidos durante a saída.

Jaime Blanco lembra ademais que o mellor para recoller os cogomelos é empregar unha cesta de vimbio, no canto de bolsas de plástico ou outros recipientes, así como levar unha navalla ou coitelo para "collelas enteiras a fin de facilitar a identificación e non levar a confusión", subliña o micólogo de Brincabois.

Comentarios