Una gala para impulsar la investigación contra el cáncer y recordar al escritor Xosé Neira Vilas

A iniciativa, impulsada pola escritora Loli Beloso, terá lugar o vindeiro día 19 en Salcedo ►A Comunidade de Montes desta parroquia colaborará cunha doazón de 2.000 euros
Loli Beloso con algúns dos seus libros no ‘banco de Neira Vilas’, situado xunto á igrexa de Tomeza
photo_camera Loli Beloso con algúns dos seus libros no ‘banco de Neira Vilas’, situado xunto á igrexa de Tomeza

A cultura, ademais de non ten cancelas nin coñecer fronteiras, tamén amosará o seu aspecto máis solidario na Festa benéfica para a investigación científica do cancro, que se desenvolverá no novo local social de Salcedo (Casa Verde) o vindeiro día 19, sábado, a partir das 18.30 horas. O evento, promovido pola escritora Loli Beloso, tamén ten como obxectivo honrar a memoria do escritor Xosé Neira Vilas, falecido hai case un ano (o cabodano será o día 27) en Vila de Cruces.

A entrada para presenciar o espectáculo está fixada en cinco euros. A recadación irá destinada a axudar á Fundación de Medicina Xenómica, que dirixe o doutor Ángel Carracedo, que asistirá á gala. Durante a cita, a Comunidade de Montes de Salcedo fará entrega ao prestixogo investigador dun talón por valor de 2.000 euros, segundo o acordo que adoptou o colectivo parroquial na asemblea que tivo lugar o pasado sábado.

O evento tamén será unha homenaxe ao autor do libro Memorias dun neno labrego, "por ter estado na miña parroquia, Tomeza, o 21de novembro de 2015, no acto no que presentei o libro que escribín sobre el e a súa muller, titulado Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nosos nenos, a derradeira homenaxe que recibiu en vida", explica Loli Beloso. De feito, as actuacions serán as mesmas que as desa data, as do cantautor galego Tino Vaz, o grupo de pandereteiras As estreliñas de Tomeza e o Dúo Fírvida. A programación tamén inclúe un recital poético.

"Presentei o libro e ao sábado seguinte enterreino. Aínda o estou pasando moi mal porque para min Neira Vilas era unha persoa moi especial. Tiñamos unha relación de pai e filla", explica a promotora da gala.

Loli Beloso organizou o pasado 10 de setembro a primeira Festa da Investigación que se desenvolveu en toda España. "Todas son festas de comidas, e paréceme fantástico porque moven diñeiro e xuntan as persoas, pero fáltalles algo: o carácter solidario. Para calquera causa sería un respiro se cada comensal doara un euro; incluso penso que a comida nos sabería mellor", apostilla.

Comentarios