Unha grande árbore de Nadal con varios accesos será a sensación da ornamentación das festas

O concelleiro Raimundo González explicou que a iluminación da Boa Vila será "digna, pero non fachendosa"

Iluminación do Nadal de 2017 nas rúas de Ponteverdra. RAFA FARIÑA
photo_camera Iluminación do Nadal de 2017 nas rúas de Ponteverdra. RAFA FARIÑA

Creaciones luminosas S.L. foi a adxudicataria do contrato da iluminación de Nadal 2018 e do Entroido 2019, nunha mesa de contratación celebrada esta mañá. A única oferta presentada para asumir a iluminación de Nadal presentou unha proposta de 138.913,90 euros, dos cales 22.009,90 son para o Entroido. O prezo de licitación era de 145.000 euros en total.

O concelleiro responsable de Contratación, Raimundo González explicou na mañá deste luns que se instalará unha árbore de 20 metros de alto, con acceso ao interior a través de dúas portas e unha rampa para persoas con mobilidade reducida; e unha segunda árbore de 10 metros de altura. Tamén se colocará unha bola de 4 metros de diámetro con acceso no interior.

Deste xeito, está prevista a instalación na cidade de oito unidades de rótulos de Nadal 2018, 150 arcos distribuídos nas rúas 12 de Novembro, Oliva, Benito Corbal (tramo peonil e tramo con circulación), Santa Clara, Cobián Roffignac, Paseo de Colón, Daniel da Sota, Echegarai, praza do Concello, Estribela, A Seca, García Camba, Xoaquín Costa, Loureiro Crespo, Casimiro Gómez, avenida de Lugo, Riestra, Marquesa, Michelena, rúas de Monte Porreiro, Peregrina, Ponte Sampaio, Rosalía de Castro (zona peonil e tramo rodado), Sagasta, Virxe do Camiño, Xeneral Gutiérrez Mellado e Frai Xoán de Navarrete.

A ornamentación contará ademais con 86 motivos luminosos en 86 farois das rúas Alameda, Santa Clara, San Antoniño, glorieta Compostela, Cruz Gallastegui, praza da Ferraría, glorieta Loureiro Crespo, praza de Ourense, avenida de Vigo e Eduardo Pondal; e tamén nos camelias da praza da Ferraría onde se instalarán 900 micro-lampadas en cada un deles.

A empresa ofertou, a maiores, cinco arcos máis e cinco motivos para farois. Raimundo González indicou que “queriamos que a iluminación de Nadal fose digna, pero non fachendosa”. Poderá estar en marcha a finais de novembro ou primeiros de decembro. Os traballos de instalación comezarán nestes días.

Como é habitual, a iluminación de Nadal complétase coa colaboración da Asociación Centro Comercial Urbano- Zona Monumental -para o casco histórico-, Aempe e outras asociacións de comerciantes en distintos puntos da cidade.