Unha nova forma de ser home

A igualdade implica tamén un cambio no universo masculino: que os varóns asuman máis coidados, practiquen a corresponsabilidade e recuperen a dimensión das emocións e os afectos
Algúns homes levan anos participando nas manifestaciones do 8-M. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Algúns homes levan anos participando nas manifestaciones do 8-M. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Custa atopar referentes que representan unha nova masculinidade non tóxica. Explícao Jorge García, sociólogo experto en xénero, cando lle preguntan por un home relevante que poida servir como modelo aos nenos de hoxe. "Hai que buscalo con microscopio, encantaríame dar nomes de referentes, pero non os hai", explica. "Se vas a unha clase dun instituto e preguntas aos rapaces polos seus ídolos só che dirán nomes de homes, todos chulos, agresivos ou protagonistas. Iso debería facernos pensar á sociedade adulta, porque seguimos dando os modelos de toda a vida", indica García.

Pero, en que consisten as novas masculinidades non tóxicas? Trátase de que tamén os varóns se impliquen na consecución dunha sociedade igualitaria e modifiquen actitudes, pensamentos e comportamentos. García resume este cambio en catro eixos: ter máis peso no ámbito dos coidados, "ao que sempre renunciamos"; deberiamos asumir máis traballo doméstico a través da corresponsabilidade; respectar ás mulleres nas súas traxectorias e amosarlles o noso apoio, e suprimir a necesidade de control nas relacións, "algo que ten moito que ver coa identidade masculina".

Neste sentido, unha sociedade igualitaria e o cambio dos modelos masculinos benefician tamén aos homes. "A masculinidade tóxica é algo que nos prexudica. Vivimos nunha castración de sentimentos e afectividades e penso que esta é unha dimensión a recuperar que sempre se vencellou co universo feminino", conta. Neste sentido, a comunicación, o diálogo, o respecto ou as emocións deben primar sobre outros valores que se veñen inculcando tradicionalmente nos varóns como a violencia, o protagonismo ou a chulería. "É fundamental traballar isto desde nenos, tanto na socialización familiar como no sistema educativo", conta García.

Para os homes que xa son adultos, recomenda ler o que di o feminismo, "aínda que non sexa académico nin elevado", conta, senón simplemente poñer as gafas lilas e ver a realidade de forma diferente.

Diario de Pontevedra preguntou entre homes de diferentes ámbitos profesionaispola súa percepción acerca do 8-M. A maior parte deles expresaron o seu desexo de erradicar as desigualdades e moitos deles non apreciaron machismo no seu ámbito laboral. Tamén houbo varóns que preferiron non dar a súa opinión ao non sentirse seguros á hora de falar sobre feminismo. "Queda moito por facer, empezando por min mesmo", explicaba un dos homes contactados.

Ademais, algúns deles participaron nas mobilizacións do 8-M en anteriores edicións e teñen previsto volver a facelo este domingo. Tamén o propio Jorge García o fará. "Secundarei as mobilizacións dende un segundo plano, deixando o protagonismo ás mulleres, e asumirei máis tarefas domésticas e de coidados", conta e engade: "Sobran manifestacións machistas, quen non as vexa ten un problema de miopía".

AS OPINIÓNS


Antón Sobral. Pintor
Pensa que o 8-M debería estenderse a todo o ano, xa que detecta machismo en todos os ámbitos da sociedade. Neste sentido, reclama igualdade e respecto para todas as persoas e lamenta que "os neofascismos que se están dando en Europa e no mundo atentan contra ese respecto que esixo para a muller".


Pablo Cacheda. Realizador e produtor
Para Cacheda os cambios conseguíronse sempre con mobilizacións e aínda hai que mellorar moito. "No audiovisual hai postos aínda moi masculinos sen entender os motivos. A tendencia está cambiando, pero seguen faltando en dirección, ou dirección de fotografía, cámaras, incluso sonideiras", conta.


Juan Carlos Rodríguez. Médico
Entende o feminismo como igualdade de oportunidades, benestar e harmonía social e reparto igualitario da riqueza. "Tenemos que hacer cambios de verdad en las leyes, en la educación y en el ejercicio del liderazgo. Hay que aplicar a la vida la perspectiva de género y buscar la igualdad", explica.


Pepe Solla. Cociñeiro
Explica que no seu ámbito laboral non detecta desigualdades, sobre todo nos seus restaurantes, onde "os profesionais teñan postos de responsabilidade en función da súa valía". Non cre nas cotas e "publicamente sempre me manifesto a favor dos dereitos que vexo pisoteados, nunca deixarei de reclamalos".


Ángel de la Cruz. Guionista, director e produtor de cine
Sobre as mobilizacións dos últimos anos, asegura que as viviu "con auténtico orgullo e co sentimento e a certeza de estar a vivir un feito histórico". Ademais, asume que é imposible non detectar machismo no seu traballo, "ata en min mesmo", o que implica unha constante revisión dos seus comportamentos.


Jorge Soto. Docente e vicerreitor do Campus
Para el, a dimensión do 8-M vai máis alá dunha mobilización puntual, senón que é un "sentimiento global de dignifi cación social, solidario e participativo". Por iso destaca o seu traballo como vicerreitor, pero tamén no ámbito privado. "O futuro constrúese con compromiso, sendo axentes activos do cambio".


Jesús Rey. Empresario e presidente de Aje
Considera que a non discriminación por sexos e a igualdade de oportunidades deben converterse nun "objetivo como sociedad". Defende a conciliación na súa empresa, recoñece que hai sectores onde elas aínda o teñen "más difícil" e, dende AJE, aposta "por que las mujeres emprendedoras tengan más voz".


Francisco Castro. Escritor e director de Galaxia
Con ilusión e compromiso. Así viviu Castro as anteriores mobilizacións do 8-M. "Este ano volverei estar alí. Unha sociedade en igualdade é boa para os homes", conta. Explica que a Editorial Galaxia está comprometida coa igualdade e ten "todas as alertas acesas" para non educar aos seus fillos no machismo.


Ernesto Pedrosa. Avogado
"La del 8-M es una reivindicación muy legítima y acorde a los tiempos que vivimos siempre que no se politice", explica o avogado e presidente do Consello Social da UVigo. Non detecta machismo no seu ámbito de traballo e asegura que traballa a prol da igualdade de forma estreita coa Unidade de Igualdade da UVigo.

Comentarios