miércoles. 02.12.2020 |
El tiempo
miércoles. 02.12.2020
El tiempo

CARREIRA POLAS MUNICIPAIS DE 2019

"Unha das mellores cousas que fixemos foi gardar o PXOM nun caixón"

Fernández Lores. GONZALO GARCÍA
Fernández Lores. GONZALO GARCÍA

O alcalde asegura que fará todo o posible para que non se leve a cabo unha ampliación de Ence

Como lle explicaría á cidadanía que é o que lle queda por facer como alcalde nesta cidade?
Temos neste momento o volume de proxectos en marcha máis grande que nunca houbo na cidade de Pontevedra. Proxectos que son maioritariamente de iniciativa municipal, sobre todo no tema de infraestruturas: o hospital único, a variante de Alba, o paseo de Marín, o arranxo de Benito Corbal... Todos teñen a iniciativa municipal detrás. Os proxectos hai que executalos con sentido común. A nosa experiencia é unha garantía de que as cousas irán para adiante e con sentidiño, porque a nosa experiencia, a capacidade económica do Concello e a capacidade executiva e de interlocuión están en marcha. Por outra banda, cada vez temos unha maior relación coa Universidade de Vigo, desde a promoción de novos emprendedores con Pont up Store ata relacións con Ciencias Sociais, con Forestais... A nivel empresarial, a misiva de México foi espectacular...

Haberá novas misións comerciais?
Claro que si, pero hai que ver a onde vamos. Non estamos concibindo misións porque si, senón que ó tempo que imos falar do modelo urbano e de que nos invitan levamos con nós empresas que poden estar interesadas.

En canto a ese salto adiante do que fala, refírese a nivel empresarial?
A todos os niveis. A min asómbrame o que fan empresas locais como Cristalería Pontevedresa, Setga, Qubitia e tantas outras a nivel de innovación e tecnoloxía.  Cremos que teñen moitas posibilidades e hai moitas poibilidades tamén no turismo, na creatividade, na Universidade, no lecer, no deporte... Pontevedra ten que ser unha moi potente cidade de servizos, e, por outra banda, neste momento está sendo tamén referente en industrias culturais. Culturgal, Salón do Libro, Etiqueta Negra, FabLab... son iniciativas coas que estamos todos os días recibindo xente. Non é casualidade que se faga aquí Ludantia. Todo isto xera un movemento importante.

Hai que dicirlle á Xunta que a concellos como a Poio ou Marín hai que botarlles unha man

Haberá revisión do PXOM no próximo mandato?
Unha das mellores cousas que fixemos nós ata o de agora foi meter o Plan Xeral nun caixón. Foi unha das decisións máis brillantes deste Goberno. Mira arredor, plans suspendidos, derrubos... Nós temos un plan que ten aínda posibilidades de modificación e de construción. A idea de que os plans teñen que durar cinco anos é unha barbaridade. Barcelona ten o mesmo plan que en 1950. Temos un urbanismo calmado, non temos confl itos gordos.

Que lle parece que Ence queira ampliar as súas instalacións para a creación dunha planta de biomasa?
Vamos facer todo o posible para que non se amplíe nada. Celulosas está ilegalmente aí. E a nós non nos quita ninguén diso. Xa pasou o 2018, tiveron tempo de recuperar o investimento económico. Nós imos facer todo o posible por recuperar a ría utilizando todos os mecanismos legais, urbanísticos etc. Independentemente de que sexa supramunicipal, a licenza téñena que pedir. Todo o contrario do que pensa a xente, estou aburrido desa cuestión. Nós facemos as cousas porque consideramos que hai que facelas. Se me dá votos ou non é independente de que eu diga que hai que recuperar a ría.

Nesa axenda de prioridades para o próximo mandato, que lugar ocupa o saneamento da ría?
Iso xa non é competencia nosa. O saneamento municipal está bastante resolto. Temos agora a oportunidade de rematar o saneamento e iniciar o abastecemento nos lugares onde sexa máis razoable e haxa máis demanda e necesidade e iso é moi importante.

Hai un ano que non se reúne a mesa do saneamento. Non pensaron en liderar esa recuperación da ría?
Nós responsabilizámonos do que temos que responsabilizarnos. Eu sempre digo que cando falamos de mobilidade o alcalde ten todas as competencias, por tanto, o que non fai nada é porque non quere. Pero eu non teño competencia na ría, porque hai unha lei das rías que di que a competencia é da Xunta. Os grandes colectores e as depuradoras son competencia da Xunta. Nós imos poñer todas as facilidades do mundo, é máis, nós dixemos algunha vez que hai que investir cartos aí. O problema máis gordo da ría neste momento, -á parte de Ence, pero isto é outra guerra, porque a maior parte do vertido que chega a ría é de Celulosas-, é a mestura de pluviais coas augas fecais. Nós estamos facendo separativas. Podemos ter un cinco ou un dez por cento. Non xeramos ese volume que non pode soportar a depuradora. E hai que dicirlle á Xunta que a concellos como a Poio ou Marín hai que botarlles unha man. Haberá que facer unha depuradora en Raxó, o sitio é Pampaído. É o sitio onde estaba previsto e onde encaixa todo. Facédea e deixádevos de andar tirándovos os trastos á cabeza.
 

"Unha das mellores cousas que fixemos foi gardar o PXOM nun caixón"
Comentarios