Lores: "O único proxecto que ten o Partido Popular é volver atrás"

"Vou pelexar ata o último voto", di Lores, que acusa ao PSOE de estar "copiando o discurso do PP". "Que haxa unha pinza contra Lores preocúpame menos que que haxa unha pinza contra o modelo urbano, que construímos entre todos e que aínda ten moitísimo percorrido", asegura o líder nacionalista. "Eu defendo os intereses de Pontevedra por riba de todo", subliña
Miguel Anxo Fernández Lores. GONZALO GARCÍA
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores. GONZALO GARCÍA

É o rival a bater. Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga, 1954) cita ao Diario na esquina entre Daniel de la Sota e Benito Corbal antes de comezar a entrevista na sede local do BNG. "Pateei moito esta campaña", di o candidato nacionalista, ao que as nais de dúas crianzas o paran pola rúa para dicirlle que "Pontevedra está muy bonita". "A xente párate, anímate e diche que hai que ir a por todas. Non son extras", bromea o líder do Bloque, que aspira a seguir gobernando Pontevedra por sétimo mandato consecutivo.

Os seus rivais á dereita e á esquerda din que está esgotado...
Non sei en que se basan para dicir iso. Eu atópome mellor que nunca e máis feliz. Teño unha gran familia e un grande equipo. Sempre fun unha persoa moi activa. O do alcalde agotado é un mantra, o mesmo que o de que na cidade non hai traballo. Crense as súas propias mentiras.

Está mellor Pontevedra agora que hai catro anos?
Eu creo que si. Avanzamos. Somos máis referentes a nivel internacional. E iso tráenos retornos, porque a xente vén aquí a celebrar congresos ou campionatos deportivos. As persoas que veñen a Pontevedra sempre teñen ganas de volver. Porque Pontevedra é unha cidade marabillosa, unha cidade atractiva que te acolle e que ten un tamaño ideal para que a xente que vén a eventos deportivos, como o das Series Mundiais de Triatlón de setembro, se atope pola rúa, vaia a picotear... E cada vez vai a máis.

Dígame unha obra da que se sinta orgulloso neste mandato.
A do Castañal e Loureiro Crespo, que foi a maior obra urbana que se fi xo ata agora. Pero tamén che podería dicir a de Echegaray, O Gorgullón, Virxe do Camiño, a Ponte do Burgo e a súa iluminación exterior... Neste mandato xeralizamos o saneamento en moitos sitios. E sentamos as bases para a conexión inmediata en seis ou sete parroquias. Outra cousa é que haxa xente que negue o pan e o sal. Fixéronse obras importantísimas e de investimentos potentes.

Que lle quedou por executar?
Eu teño defectos, como todo o mundo. Un deles é que son confiado e fíome de que outras administracións fagan o seu traballo. O que realmente está fallando son as infraestruturas que outras administracións non están facendo e que estaban comprometidas. Podémolas nomear todas: o paseo a Marín, que non está nin nos Orzamentos do Estado; o bypass de Mollavao; a circunvalación, que nin sequera está en contratación o segundo tramo e o primeiro leva oito anos e non rematou; a variante de Alba; o dragado da ría... En 2004, no M4, chegamos a un acordo entre todas as administracións para impulsar as infraestruturas pendentes. Van alá case 20 anos e non se fi xo case nada. E nós fi xemos a Ponte de Monte Porreiro, o acceso por Tafi sa, o acceso a Montecelo por Juviol... Nós fixemos o que tiñabamos que facer e eles non. Nin fan nin deixan facer, como ocorre en Mollavao.

É Pontevedra unha cidade limpa?
Por que estamos a facer un novo contrato e por que queremos incrementar o persoal deste servizo? Porque se supón que todo é mellorable. Agora, diso a dicir que Pontevedra sexa unha cidade sucia, non. Os guías que veñen visitar Pontevedra dinme dúas cousas do que lle di a xente. A primeira é que esta é unha cidade preciosa, que non se imaxinaban que era tan bonita e que ten un gran patrimonio histórico. E a segunda é que está limpa. Eu viaxo moito e vexo no centro das cidades papeis, cabichas e outras cousas que levan alí meses. Aquí baldéase todos os días, sobre todo nos sitios por onde máis xente pasa. E se pasan as varredoras. Todo é mellorable. E é tan mellorable que imos sacar un novo contrato.

Cre que ese contrato podería quedar deserto polo recurso que no seu día presentou a patronal do sector contra os pregos do concurso?
Modificáronse os pregos e eu espero que este verán se poida contratar. De feito hai un incremento económico importante. Non creo que teña problema. É o primeiro contrato en volume económico do Concello.

Esta semana dixo que hai unha "pinza destrutiva" entre o PP e o PSOE na cidade. Por que?
Porque cada vez se nota máis que o Partido Socialista está copiando o discurso do PP. O discurso do Partido Popular di que esta é unha cidade na que non hai traballo ou emprendemento, por non falar de Raíña Vitoria. Tamén fala de que o alcalde está canso ou esgotado ou de que este proxecto está acabado. Con esta pinza en certos temas hai un risco de volta atrás. Que haxa unha pinza contra Lores preocúpame menos que que haxa unha pinza contra o modelo urbano, que construímos entre todos e que aínda ten moitísimo percorrido.

Vostede gobernou cos socialistas en catro dos seis mandatos dende que é alcalde. Dos voceiros do PSOE neste tempo, con quen se queda: con Teresa Casal, Antón Louro, Tino Fernández ou Iván Puentes?
Nós chegamos a acordos polo ben de Pontevedra, no que cada un ten as súas responsabilidades e as súas características. Pero eu non vou valorar os representantes das outras forzas políticas.

Non se molla?
Non.

A guerra fría entre o PSOE e o BNG foi moi notable no tramo fi nal do mandato, sobre todo tralo anuncio dos 25 millóns de euros de Costas para algúns dos proxectos negociados con Iván Puentes. Cre que o concelleiro e agora alcaldable do PSOE manobrou en Madrid para pisar proxectos que o BNG leva anos tramitando?
As relacións coas administracións son competencia do alcalde. Se calquera concelleiro consegue fondos doutra administración paréceme ben. Pensarei que é algo serio cando vexa eses fondos europeos publicados no BOE (Boletín Ofi cial do Estado). E iso non pode implicar, de ningunha maneira, que se boicoteen os proxectos que están en marcha. Aquí o que pasou é que se paralizaron proxectos comprometidos polo Goberno do Estado co Concello a través dun hipotético financiamento de futuro. Iso si que non é de recibo. Nin iso nin que eu me entere pola prensa das contestacións que eu oficialmente lle pido ao Ministerio.

O que está fallando son as infraestruturas que outras administracións non están facendo e que estaban comprometidas

Sentiuse traizoado por Puentes?
Eu dixen o que dixen no seu momento. Non é un proceder correcto. Eu defendo os intereses de Pontevedra por riba de todo. Deféndoos fronte á Admnistración do Estado e fronte á Xunta, goberne quen goberne. E fíxeno. Fíxeno con gobernos da Xunta que poderían ser, en parte, afíns. Eu peteillei na mesa ao Goberno de Touriño, que estaba cogobernando co BNG. Porque ao alcalde de Pontevedra, que representa a todos os veciños, a todos, non se lle pode tomar o pelo.

A única maioría absoluta en Pontevedra foi hai 40 anos. Cre que é posible repetila?
Non o sei. Eu vou transmitir todo o que se fixo. Creo que fixemos os deberes durante estes mandatos. E agora quero abrir unha nova etapa, con novos proxectos e novos soños. Como vai responder a cidadanía? Non o sei. Hai xente que me anima e que me di que non vai haber problema, pero eu vou pelexar ata o último voto. Non me fío nin da miña sombra. Non son pitoniso e non me gustan os contos da leiteira.

Se non logra a maioría suficiente e depende doutras forzas para gobernar, pactaría con Puentes?
Eu non tiven maioría absoluta en ningún dos seis mandatos. Nuns cheguei a acordos de goberno co PSOE e noutros a acordos puntuais, pero non de goberno. Eu estarei a disposición dos pontevedreses alí onde me poñan. O que si que teño claro é que non vou chegar a acordos co Partido Popular. Iso téñoo clarísimo.

Teme que lle pase factura electoral o peche de Raíña Vitoria?
Nós facemos as cousas porque cremos que son positivas para a cidade. O obxectivo é mellorar a calidade de vida da xente; reducir os tráficos innecesarios e manter os tráficos necesarios para que a cidade funcione. O que fixemos en Raíña Vitoria fixérono outras cidades na pandemia. Se me pregunta: iso estaba previsto? Estaba previsto xa había tempo. Outra cousa é que, polas razóns que fosen, non se fixese. Dende que se fixo iso a min paroume moita xente das rúas da Praza de Galicia para dicirme que moi ben porque antes aquilo era un caos de tráfico todos os días. Nós comprometémonos a mellorar a calidade de vida da xente e a reducir os tráficos innecesarios. Cumprimos as nosas promesas. E punto. Sei que hai xente á que non lle gusta. Pero tampouco lle gustaba cando cortamos Michelena, Riestra ou Benito Corbal. Para nós, todos os veciños de Pontevedra, vivan no barrio onde vivan, teñen o mesmo dereito a ter a mesma calidade de vida que os que viven no centro, que se peonalizou.

Rafa Domínguez, o candidato do PP, centrou gran parte da súa campaña na reapertura de Raíña Vitoria. Foi a súa primeira promesa electoral. Que lle parece?
Pois que non hai proxecto de cidade. Que o único proxecto que ten o Partido Popular é volver atrás. Non teñen outro proxecto máis que volver atrás a un modelo urbano que os cidadáns apoiaron. Este modelo converteu a esta cidade nun referente, nunha cidade con gran dinamismo, que ten unha empregabilidade altísima en comparación con outras cidades e que ten futuro. Todos os tiros van por aí: en reducir a contaminación provocada polos gases de efecto invernadeiro nas cidades; en pensar as cidades para as persoas; en facer zonas de baixas emisións... Que van facer o resto de forzas para que Pontevedra sexa unha zona de baixas emisións? Cobrar por entrar ou esixirlle á xente que cambie de coche. É así.

Está esgotado o modelo urbano de Pontevedra?
O modelo non está rematado. Tense que estender aos barrios e ás parroquias, como estamos a facer a través dos núcleos de centralidade, con calmados de tráfico, mellora da iluminación e con accesibilidade universal. A min faime moita graza cando se escoita iso de que a ver qué calle van a peatonalizar. Non. O que teremos que pensar é que rúa temos que transformar, para meterlle mellores servizos. É o que estamos facendo. Os demais, que van facer? Van deixar as rúas como están eternamente? O medio ambiente urbano, que é onde viven as persoas, hai que coidalo. No centro e no rural. Fáltalle verde a Pontevedra? As árbores son importantes porque diminúen a temperatura, producen osíxeno e embelecen a cidade. Pero tamén é certo que isto non é Castela-A Mancha ou Castela e León. Aquí saímos un quilómetro e atopámonos cun bosque. Santa Clara, que ten 7.000 ou 8.000 metros de zona verde, vaise abrir e ampliar cara Barcelos. Tamén imos poñer en valor a zona verde do Parque da Parda, despois de ter actuado xa nos parques forestais da Tomba e da Fracha. Pontevedra non é un páramo, pero si que estamos polo labor de renaturalizar as rúas e as prazas que sexan necesarias.

As estatísticas contradín o mantra de que Pontevedra é a capital do paro en Galicia e os concellos non teñen competencias directas, pero que debe facer un alcalde para reducir o nivel de desemprego?
Se constrúes unha cidade agradable para vivir e é dinámica dende o punto de vista cultural, deportivo ou festivo, estás facendo algo. Voulle dar un dato: en Pontevedra hai 61 empresas relacionadas coa cultura, onde traballan máis de 2.700 persoas. E iso é porque facemos moitas actividades culturais e descentralizadas. Iso xera emprego. Se ti fas unha cidade na que a práctica deportiva sexa masiva, hai empresas que se dedican a este sector e xeran emprego. Neste momento estanse a construír tres residencias, dúas públicas e unha privada. E cada una xera cen ou cento e pico postos de traballo. Tamén se xera emprego. E por que se constrúen aquí residencias e non noutro sitio? Porque Pontevedra é unha cidade atractiva, que a xente ten certa calidade de vida, sae, convive no espazo público... Se ti fas eventos deportivos, aquí veñen miles de persoas. O ano pasado fixemos 25 campionatos de España, de Europa e do mundo. Sen contar os galegos. Iso tamén xera actividade económica. E co Camiño, o mesmo.

Que van facer o resto de forzas para ter unha zona de baixas emisións? Cobrar por entrar ou esixirlle á xente que cambie de coche

Ve perigo en que o aumento do turismo provoque o encarecemento da vivenda na cidade?
Nós apostamos por un turismo desestacionalizado e cultural, tamén deportivo. Non apostamos por un turismo masivo, como aposta o Partido Popular. Pontevedra non ten un turismo de despedidas de solteiro nin de juergas nocturnas. O da vivenda preocúpanos, por iso nós dicimos que os pisos turísticos só poden estar no baixo e na primeira planta dos edificios.

Hai casos nos que non é así...
Por iso haberá que axustar as competencias da Xunta coas que ten o Concello. Teño ganas de meterlle o dente a este tema.

Remata unha campaña na que o BNG foi o único partido que fixo bandeira do traslado de Ence...
Dende que teño uso de razón defendín que Ence non se debeu colocar aí. Tiven a esperanza de que coa antiga Ley de Costas marchase en 2018. Pero poderoso caballero es don dinero. O que hai agora é un cambio. Todas as forzas políticas, absolutamente todas, están por tragar con Ence na ría a pesar de que non cumpre a lei urbanística nin da competencia. Nada.

Tamén o PSOE?
Eu creo que si. Dixo, oiga, se non se pode trasladar, pois que quede aí. Eu creo que hai unha contradición a nivel local con este tema respecto ao teórico posicionamento da Avogacía do Estado, que presentou un recurso de nulidade contra a sentenza do Supremo (que avala que Celulosas siga aí). Eu tiña moi claro que o anterior portavoz do PSOE no Concello (Tino Fernández) tiña clarísimo que estaba a favor de que Ence se tiña que trasladar, que non cumpría a normativa e que a prórroga foi ilegal. Agora xa non o teño tan claro.

Refírese a Iván Puentes.
Remítome ás declaracións que fixo (Puentes) o día que saíu a sentenza do Tribunal Supremo (nas que pedía respecto pola sentenza e lle pedía á empresa que investise en Pontevedra e na rexeneración da ría). Tanto as del como as do representante do Partido Socialista en Galicia (Valentín González Formoso, que dixo literalmente "la vida continúa").

Cre que verá Lourizán sen Ence?
Eu teño esa esperanza. Vou loitar por iso por terra, mar e aire.

Custe o que custe?
Como alcalde de Pontevedra teño que defender o dereito dos pontevedreses a ter unha ría sen Ence. Máxime cando estamos convencidos de que temos a razón xurídica e urbanística. A empresa, cando comprou iso, sabía que no 2018 se tiña que ir. E remítome tamén ás declaracións do señor Feijóo do ano 2011, nas que dicía que se tiña que marchar e non podía quedar aí. Logo, de repente, asinouse un pacto descoñecido no que o Partido Popular cambiou de opinión e dixo que tiña que quedar aí. En contra da lexislación vixente naquel momento. É o que hai. Eu non cambiei de opinión. Nin eu nin o BNG. Os demais cambiaron. Nós non.

O test persoal
Que libro está lendo?
O último libro que lin foi o que lle lin as miñas netas onte, Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis. E o que eu estou a ler é A muller xabaril, de Fina Casalderrey.

Unha película que vise máis dunha vez?
El diablo sobre ruedas, de Spielberg.

Unna afección?
A horta. Entretéñome moito nas hortas e nos xardíns.

Un deporte?
Gústanme moito todos os deportes, pero especialmente o tenis de mesa e o tenis.

Comida favorita?
Cocido no inverno, e polbo en caldeirada estilo Ons no verán.

Un lugar para desconectar?
O parque forestal da Fracha.

De neno quería ser de maior...? 
Eu de neno soñaba con ser piloto de avións. Gustábame ver a terra dende a altura.

Praia ou montaña?
Gústanme as dúas.

Con quen tomaría unha cervexa ou daría un paseo?
Se puidesen ter unha segunda vida, gustaríame tomar unha cervexa con Castelao e con Bóveda.

Unha persoa importante na súa vida é...?
A miña muller, María José.