A unidade de psoríase do CHOP, recoñecida como a mellor de España nos Premios Best in Class

O galardón convócao anualmente a publicación especializada Gaceta Médica xunto coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rei Juan Carlos

Directivos da Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés recolleron o premio. DP
photo_camera Directivos da Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés recolleron o premio. DP

O servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra vén de ser recoñecido como un dos mellores de España na atención á psoríase. Este é o cuarto ano consecutivo no que a unidade e o servizo de Dermatoloxía é distinguida nos Premios Best in Class (BIC), uns galardóns que anualmente convoca a publicación especializada Gaceta Médica xunto coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rei Juan Carlos, e que recoñecen aos mellores centros sanitarios e servizos de toda España pola calidade da súa atención ao paciente.

Directivos da área de Dirección Médica e de Calidade da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, desprazáronse este martes a Santander para recoller a distinción que recoñecen publicamente aos mellores servizos, unidades e procesos asistenciais de hospitais e centros de saúde de toda España, tanto públicos como privados, destacando a excelencia na atención ao paciente e o bo facer dos profesionais sanitarios. 

En concreto, o servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra foi distinguido co Premio á mellor Unidade de Psoríase en atención ao paciente no ámbito nacional. A especialidade leva catro anos consecutivos acumulando premios, pois en 2017 recibiu dúas mencións de honra e nos anos 2016 e 2015 acadou o Premio á mellor Unidade de Psoríase en atención ao paciente.

Ademais desta mención de honra obtida polo servizo de Dermatoloxía, en total foron sete os servizos e procesos asistenciais do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra os que resultaron elixidos finalistas: o servizo de Dixestivo pola súa atención á Hepatite C e á patoloxía dixestiva; Medicina Interna como servizo e pola atención do VIH-Sida; Dermatoloxía como servizo, e Psiquiatría, como mellor servizo no tratamento da esquizofrenia.

Comentarios