A Universidade de Lyon enxalza o plan Revitaliza de compostaxe

Representantes da escola francesa e técnicos de Portugal remataron este martes a súa formación sobre o programa de residuos
Os visitantes durante unha das xornadas formativas sobre a compostaxe. DP
photo_camera Os visitantes durante unha das xornadas formativas sobre a compostaxe. DP

Representantes da Universidade de Lyon e do Servizo Intermunicipalizado de Xestión de Residuos do gran Porto en Portugal (LIPOR) finalizaron este martes a súa formación sobre o Plan Revitaliza de compostaxe na provincia. E fixérono con halagos ao sistema de residuos provincial pola estandarización e os protocolos técnicos que segue o persoal co fin de conseguir unha compostaxe dos biorresiduos da máxima calidade.

Os visitantes destacaron a sistematización do traballo por parte das mestras e mestres composteiros, que teñen establecido un calendario de actividades para o tratamento dos residuos orgánicos nos centros de compostaxe comunitaria: a existencia dunha proporción necesaria de estruturante para facer unha mistura correcta cos residuos orgánicos, os momentos nos que se deben facer volteos do material, as medicións continuas de temperaturas, os tempos nos que se enchen os módulos en función da participación cidadá, ou as trasfegas entre módulos para a maduración do compost.

Todas esas tarefas, explicou o persoal provincial, están totalmente controladas e supervisadas dado que os datos de cada centro de compostaxe se van volcando de maneira periódica na aplicación informática do Revitaliza (APP Revitaliza). Deste xeito a trazabilidade do proceso está controlada e cando se detecta algún tipo de anomalía pódese detectar onde se produciu.

Por outra banda, os representantes de Lyon e de LIPOR subliñaron a idoneidade do Revitaliza e a compostaxe en quilómetro cero para poboacións coa densidade dos concellos da provincia, xa que consigue un grande aforro económico ao evitar o transporte dos biorresiduos e ter que incineralos. Ese aforro, explicouse, utilízase en parte para o mantemento dos centros de compostaxe comunitaria e a contratación do persoal necesario.

A comitiva internacional destacou tamén que o tratamento en quilómetro cero dos biorresiduos mediante compostaxe axuda a cumprir os requirimentos europeos de reciclaxe, xa que a parte da bolsa de lixo está conformada en máis dun 55% por restos de comida e alimentos. Se non se composta esa parte é difícil chegar ao 50% de reciclaxe que marca a UE como meta para este ano.

Entre o persoal especializado que chegou de Lyon o martes está a profesora de Desenvolvemento e Urbanismo e directora do proxecto Muriel Maillefert, Pierre Ulrich (referente da asociación Eisenia, especializada en compostaxe de proximidade), e dous internos da mesma equipa. Da contorna de Porto estivo presente durante dúas semanas na provincia o técnico superior da Unidade de Educación Ambiental de LIPOR, Luís Campos, e este martes incorporáronse outros catro compañeiros.

Comentarios