Viernes. 24.11.2017 |
El tiempo
Viernes. 24.11.2017
El tiempo

Universitarios detrás dos trampantollos

Intervención no paseo de Montero Ríos (A galiña azul)
Intervención no paseo de Montero Ríos (A galiña azul)
O Concello de Pontevedra desvela a autoría das intervencións en cinta azul que levaron o espírito de Casares a varios espazos da cidade. Alumnos de Belas Artes e Ciencias Sociais encargáronse do traballo durante tres madrugadas para favorecer o factor sorpresa

Fixáranse nunha enorme galiña azul que apareceu dun día para o outro no paseo de Montero Ríos, mesmo cubrindo parte da fachada do instituto Valle Inclán, elaborada con cinta adhesiva pegada no chan? E nun debuxo da praza da Pedreira que simulaba un refacho de vento? Eran dúas pistas para a intervención definitiva, a do retrato de Carlos Casares, feito coa mesma técnica, que loce na praza de Barcelos desde a mañá do 17 de maio.

Era un segredo a voces e onte confirmouno o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña: tratábase dunha iniciativa amparada polo Concello e executada por seis alumnos de Belas Artes, Comunicación Audiovisual e Publicidade. "A idea partiu do vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e pareceunos moi interesante porque se tratou dunha acción alternativa para reivindicar de xeito diferente a Carlos Casares", o autor homenaxeado nesta edición das Letras Galegas.

Os estudantes plasmaron a idea e o Concello colaborou achegando o material e poñendo os espazos públicos á súa disposición. É así que Oubiña mesmo pediu desculpas "a quen me preguntou se sabía algo deste asunto e lle dixen que non". Porque, insiste, un dos obxectivos primordiais era crear "un factor sorpresa" e promover "un ruxe ruxe" entre a cidadanía. E conseguiuse. "A idea funcionou —afirma Daniel Alonso, un dos alumnos implicados—. Pasei por Montero Ríos para ver a reacción da xente e vin unha rapaza explicándolles aos seus amigos o que significaba. E nas redes sociais tamén tivo repercusión. Iso é o que queriamos".

"Teñen moito mérito —subliñou Oubiña—. Estiveron traballando desde as doce da noite ata que se fixo de día". A primeira intervención fíxose na madrugada do 3 ao 4 de maio; a segunda, do 7 ao 8 e á terceira do 16 ao 17.

Alejandra Ianonne sinalou que se utilizou unha cinta que non supón ningún dano para o pavimento nin para as fachadas, aínda que "é máis difícil para traballar".

Alonso detallou que a intención era homenaxear a Casares a través das súas obras máis emblemáticas e que elixiron os trampantollos en vez dun mural vertical "como unha perspectiva distinta para chamar á atención da xente e crear interese na cidadanía". O retrato elaborado en Barcelos supuxo máis dificultade técnica. O traballo levouse a cabo coa axuda dunha cámara que simulaba o punto de vista do ollo humano e unha pantalla que marcaba o deseño no chan a través de punto. Un vídeo recolle a ardua tarefa. A intención é que as intervencións permanezan na rúa ata o vindeiro 1 de xuño. Oliver Alonso, Adrián Abilleira e Sabela Argibay completaron o equipo.

Universitarios detrás dos trampantollos