Estudantes de Eso unen emprendemento e solidariedade da man da Deputación

Alumnado do IES Luis Seoane e doutros institutos de Redondela, Gondomar, Moaña e Tui participou nun mercado efémero para vender os produtos das súas cooperativas, creadas ao amparo de DepoEmprende na Eso
(3G8A9796.JPG) Jornada de clausura de Depoemprende na ESO en la Praza da Peregrina Acudira Yoya Blanco y cia 15121
photo_camera Un dos equipos participantes en ‘DepoEmprende na ESO’, no mercado instalado na Praza da Peregrina. DAVID FREIRE

Cun mercado solidario na Praza da Peregrina. Así rematou este mércores a sétima edición do programa DepoEmprende na Eso, promovido pola Deputación para incentivar a cultura emprendedora entre o estudantado da provincia. Neste caso, participaron na iniciativa alumnos e alumnas de cuarto curso de ESO dos IES Luis Seoane de Pontevedra, Illa de San Simón de Redondela e San Paio de Tui e dos IES plurilingües A Paralaia de Moaña e Terra de Turonio de Gondomar, ademais do IES da Guía de Vigo. 

Todos e todas elas, agrupados en equipos, formaron as súas propias cooperativas e fixéronse con produtos vinculados coa natureza, a ecoloxía, a cultura e a reciclaxe, que onte puxeron á venda nun mercado efémero instalado en pleno centro da cidade do Lérez.

Algúns mercáronllos previamente a provedores galegos, como os chocolates da marca Antoxo, as Maruxas de nata, ou as galletas Mariñeiras; e outros creáronos coas súas propias mans reutilizando materiais de refugallo ou creando pezas de artesanía.


No caso do IES Luis Seoane, o alumnado aproveitou a materia de Economía para mergullarse no mundo do cooperativismo e así coñecer dun xeito práctico as bases desta fórmula de emprendemento empresarial. Para iso. os mozos e mozas formaron catro equipos.

Nerea, Sara, Alba, Minerva, Xavier, Carla e Cristina crearon Ecoseoane e destinarán a Arela o 40% do recadado coa venda de chocolates ou pezas artesás, como pousavasos feitos con corchos, entre outros artigos.

Diego, Aldán e outros compañeiros crearon Icepolo e destinarán unha porcentaxe das súas ganancias a Os Palleiros. Elena, Unai, Aarón, Alba, Milene, Candela e Erika formaron Copeponte e entregarán ao Refuxio de Animais de Cambados o 30% dos beneficios xerados coa venda de alimentos de marcas galegas e sostibles e de pezas de bisutería e outros abalorios de gancho feitos por eles mesmos.


Nerea, Álex e Noa son algúns dos estudantes que fundaron Ecop, coa que outorgarán a metade da súa recadación á Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia Feafes Galicia.

"Crear as cooperativas e poñelas a funcionar foi unha experiencia moi interesante coa que aprendemos moito", explicaron onte moitos destes alumnos.

(3G8A9782.JPG) Jornada de clausura de Depoemprende na ESO en la Praza da Peregrina Acudira Yoya Blanco y cia 15121
As cooperativas de estudantes venderon produtos como chocolates, galletas, gominolas, etc. DAVID FREIRE


Roá e Artesanilla do IES Illa de San Simón; Copegal e Colorico do IES San Paio; Costa Vela do IES Plurilingüe A Paralaia e Kaylate S. Coop do Terra de Turonio foron os demais equipos que se mergullaron no mundo do emprendemento con marmeladas ecolóxicas, mel, pastas, rosquillas, crema de cacahuete, chourizo ecolóxico, chocolates, cafés, produtos de artesanía Avelaíña, aceite de oliva, bolígrafos, peites, pen drives, perfumes, xabóns naturais, galletas, bolsas, xoguetes ecolóxicos ou camisetas elaboradas con tecidos orgánicos, entre outros. E protectoras de animais como as de Tui (Aloia) e do Morrazo, a Asociación de Axuda a Nenas e Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG), a Asociación Participa para a Inclusión Social, a Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (ACEM), a Residencia Santelmo e tamén outros colectivos deportivos e sociais como o Gondomar C.F. son as entidades ás que destinarán parte dos seus beneficios.

A deputada provincial en funcións Ana Mejías e a concelleira en funcións de Promoción Económica de Pontevedra, Yoya Blanco, visitaron o mercado instalado na Praza da Peregrina e fixeron entrega dos diplomas aos cinco centros participantes. Tamén asistiron ao acto María del Carmen Jul Barreiro, asesora de emprendemento na Subdirección Xeral de Formación Profesional; Miguel Lago, presidente do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, e Diana Pastoriza, xerente de AEMPE.

O peche de DepoEmprende na Eso completa o ciclo de clausura doutros programas de fomento da cultura emprendedora en centros educativos liderados pola Deputación de Pontevedra, como DepoEmprende na Escola e DepoEmprende na FP.

Comentarios