Uns 300 aspirantes a policía local súan no CGTD por unha das 89 vacantes

Os que superen a oposición realizarán un curso selectivo na Academia Galega antes de incorporarse a un destino en 24 concellos
n momento da xornada selectiva celebrada onte no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, e que terá continuidade no día de hoxe. DP
photo_camera Un momento da xornada selectiva celebrada o sábado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, e que terá continuidade este domingo. DP

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou o sábado ás máis de 300 persoas que participan ata o domingo no terceiro exercicio da oposición a 89 prazas de Policía Local convocadas por 24 concellos a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

Trátase das probas físicas que se desenvolven no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra e ás que se someten os aspirantes que xa superaron o test de coñecementos e a proba de lingua galega do pasado setembro. Xa estaba previsto que se celebraran os pasados 3 e 4 de novembro pero tiveran que ser adiadas pola meteoroloxía adversa.

Os exercicios inclúen probas de velocidade e de resistencia xeral con carreiras de 500 e 1.000 metros lisos respectivamente; probas de potencia de tren superior -flexións de brazos para homes e suspensión en barra para mulleres- e de potencia de tren inferior mediante salto horizontal, así como unha proba de natación de 25 metros en estilo libre.

Os aspirantes que superen estas probas físicas deberán someterse a unha psicotécnica que determine as actitudes e aptitudes persoais e a súa adecuación ás funcións policiais. Tamén deberán pasar un recoñecemento médico.

O último paso do proceso corresponde ao curso de formación teórica e práctica na Agasp. As persoas que cheguen a esta fase formarán parte desde xaneiro da 16ª promoción de Policía Local para ser finalmente nomeadas persoal funcionario de carreira no correspondente concello.

A Xunta coopera desde 2017 cos concellos galegos na selección dos membros dos corpos de policía local,a través dun convenio de colaboración cos municipios que o solicitan, que a día de hoxe son 91, é dicir, o 70% dos que dispoñen desde corpo.

Dos 24 municipios que entran nesta convocatoria, a meirande parte son da provincia da Coruña, mentres que os de Pontevedra son Baiona, Caldas de Reis, Cuntis, Gondomar, Marín, Ponteareas, Redondela, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Vigo e Vilanova de Arousa. A todos estes súmase o de Lugo.

Comentarios