Urban Lab aposta por actividades culturais e deportivas para a mocidade

As actividades de verán levaranse a cabo entre os días 2 e 27 de agosto
Marcos Rey.DP
photo_camera Marcos Rey.DP

Acadar a dinamización sociocomunitaria da cativada dos barrios de A Seca e Monte Porreiro cunha ampla e diversa oferta de actividades ao aire libre, deportivas, culturais, artísticas e ambientais é o principal obxectivo do programa Urban Lab, impulsado pola Concellería de Benestar Social, que dirixe o socialista Marcos Rey. Entre os talleres propostos, que se desenvolverán durante o mes de agosto e que están dirixidos a rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos, inclúense aulas de skate, graffiti, hula-hoop, break dance, slackline, paddle surf e art lab, todas elas de balde.

O Concello manterá aberto até o vindeiro luns 26 de xullo o prazo para inscribirse nestas actividades, que poderá facerse a través de formularios online. Non obstante, de chegar o caso, se algunha familia precisa efectuar consultas ou entregar solicitudes e documentación de maneira presencial, poderá facelo mediante cita previa.

As actividades deste "campamento" de verán levaranse a cabo entre os días 2 e 27 de agosto, de luns a venres, en horario de 10.30 a 13.30 horas, nas zonas do Mirador, a pista polideportiva da Seca e a praia fluvial do Lérez. Debido á actual situación sanitaria, o programa establecerá normas de prevención e medidas de hixiene e distanciamento social, apostando por actividades ao aire libre e creando grupos reducidos para desfrutar das actividades sen sobresaltos.

Comentarios