Urbanismo estuda como mellorar 802 elementos mal integrados na paixase urbana

Trala clasificación destes puntos, programarase xuntanzas coa veciñanza para buscar solucións
Medianera vista desde la calle Benito Corbal. CONCELLO
photo_camera Medianeira vista desde a rúa Benito Corbal. CONCELLO

O Concellaría de Urbanismo, xestionada polo concelleiro Xaquín Moreda, ten avanzada xa a primeira parte do Plan de diagnose de mellora da paisaxe urbana, concibido para localizar e actuar sobre medianeiras, muros e valos publicitarios deficientes e mal integrados na cidade. Esta primeira parte consiste na xeolocalización destes elementos, que ascenden a 802, e cos que agora se está traballando para tipificalos en cinco niveis de relevancia.

Os cinco niveis de relevancia están relacionados co impacto que cada elemento ten na contorna na que está ubicado, atendendo a parámetros tales como o seu efecto visual, as posibilidades de solución a curto, medio e longo prazo de acordo ao actual Pxou e o seu tratamento actual. Este traballo de xeolocalización foi realizado por un equipo de arquitectos e para levalo a cabo dividiron a cidade en 33 sectores e empregaron ao redor de catro meses para identificar todos estes elementos.

Tal e como anunciara Xaquín Moreda no momento da presentación deste plan, está previsto que sexa unha iniciativa participativa, polo que toda vez que remate a tipificación dos elementos, programarase un calendario de xuntanzas coas asociacións de veciños e cos movementos sociais dos diferentes barrios para socializar e compartir o proceso de integración. Atendendo á actual situación de confinamento, toda vez que remate o traballo de tipificación, valorarase a viabilidade das xuntanzas veciñais, ben de xeito presencial se o levantamento do estado de alarma o permitise, ben de xeito telemático se non fose posible outra opción.

O Plan de diagnose de mellora da paisaxe urbana foi posto en marcha para resolver a falta de integración daqueles elementos verticais visibles desde o espazo público e deficientes de calidade, de deseño ou de integración na escena urbana.

MEDIANEIRAS. Entre estes elementos cóntanse medianeiras, valos publicitarios, muros, ou mesmo parcelas pequenas que non teñen suficiente superficie para edificar.

A iniciativa pretende, ademais, complementar a transformación urbana de Pontevedra a través de pequenas actuacións nestes elementos que, ata o momento, non tiveron a adecuada integración.

Comentarios