A UVigo agarda o seu próximo reitor

Máis de 20.000 membros da comunidade universitaria, na súa gran maioría alumnado, están chamados ás urnas o vindeiro 23 de abril para elixir ao sucesor de Salustiano Mato

Emilio Fernández y Pachi Reigosa. DP
photo_camera Emilio Fernández y Pachi Reigosa. DP

Dous biólogos vigueses ligados desde hai tempo á Universidade de Vigo –Manuel Pachi Reigosa e Emilio Fernández– son os candidatos a ocupar a súa Reitoría, actualmente nas mans de Salustiano Mato (Alternativa Universitaria), que xa non ten opción á reelección.

O vindeiro 23 de abril están chamados ás urnas 20.269 membros da comunidade universitaria, que poderán elixir reitor e tamén Claustro. Con 17.849 persoas censadas, o colectivo de estudantes é o que rexistra un maior número de votantes, seguido do persoal docente investigador (PDI-A) con 939, o persoal de administración e servizos (PAS) con 768 e o PDI-B con 713. Respecto das eleccións celebradas hai catro anos, rexístrase un descenso no número de persoas con dereito a voto.

O vindeiro martes, 3 de abril, é a xornada fixada para que cada candidato presente o seu equipo e as liñas xerais do seu programa,na véspera do inicio da campaña, que se prolongará ata o día 19.

O reitor que saia elixido será o sexto na historia da Universidade de Vigo, sucedendo no cargo a Mato, que o vindeiro mes de maio cumprirá oito anos á fronte da institución, que previamente foi dirixida por Alberto Gago, Domingo Docampo, José Antonio Rodríguez e Luis Espada.

VOTO PONDERADO. Na elección do reitor o voto será ponderado por sectores. Ao profesorado doutor con vinculación permanente á universidade correspóndelle o 51%; ao resto do persoal docente e investigador o 9%; ao alumnado o 30% e ao persoal de administración e servizos o 10%. Proclamarase reitor, en primeira volta, o candidato que acade o apoio proporcional de máis da metade dos votos validamente emitidos, unha vez feitas e aplicadas as ponderacións correspondentes. En caso de que ningún dos dous acade o apoio necesario para ser elixido en primeira volta, procederase a unha segunda elección. Nesta segunda volta proclamaríase reitor quen obteña máis votos ponderados.

As eleccións á Reitoría da UVigo volven ter o ingrediente da emoción, despois de que en 2014 Salustiano Mato fose reelixido como único candidato, aínda que só conseguira uns escasos 751 votos nos comicios coa participación máis baixa da historia.

Para chegar a este cargo, Reigosa e Fernández ofrecen cadansúa proposta que, así mesmo, teñen puntos coincidentes.

Emilio Fernández aposta por gañar o futuro e recuperar a ilusión

Emilio Fernández Suárez, catedrático de Ecoloxía da UVigo e director do Campus do Mar desde hai oito anos, preséntase ao cargo de reitor á fronte de Ideas que suman (www.ideasquesuman.gal), unha candidatura que se sustenta en dous piares básicos: recuperar a ilusión e gañar o futuro. Nela conseguiu aglutinar tanto a persoas que tiveron responsabilidades de goberno na UVigo, como a outras que exerceron unha oposición crítica ous que ata agora non participaron activamente na xestión universitaria.

DOCENCIA. Unha das liñas estratéxicas da candidatura é o deseño e desenvolvemento dunha política de profesorado estable que contemple tres eixes principais: a definición de obxectivos de crecemento específicos por ámbito, a adopción de criterios de promoción estables a longo prazo e garantizar o cómputo real da docencia que o profesorado imparte en todos os niveis.

Tamén propón desenvolver un plan de mellora da docencia, que contemplaría a revalorización do seu labor, o deseño dun programa de formación do profesorado e unha nova política de innovación educativa. Así mesmo, o seu programa inclúe o deseño dun plan de apoio á investigación e transferencia, que se traduce na dotación de apoio á xestión administrativa, internacionalización e transferencia dos centros de investigación singulares, agrupamentos estratéxicos e grupos de investigación consoliddados. Considera necesario "rescatar" ao persoal investigador que se atopa en "situacións límite" debido ao descenso de fondos.

ALUMNADO. Outra proposta é deseñar e implantar un plan de incorporación do estudantado á Universidade que permita o desenvolvemento de proxectos de innovación impulsados por alumnado de grao e posgrao a través de medidas como o lanzamento dun programa propio de bolsas de colaboración en grupos de investigación. Tamén contempla un plan integral de empregabilidade do estudantado, sustentado no reforzo das prácticas preprofesionais, das feiras de emprego, da formación complementaria en competencias transversais e da orientación profesional.

PAS E PDI. Ideas que suman propón unha política de profesorado e PAS que afronte o relevo xeraciona dos cadros de persoal docente e do persoal de administración coa necesaria previsión, así como configurar unha universidade que teña capacidade de atraer talento da máxima excelencia docente e investigadora e levar a cabo un plan de simplificación e axilización administrativa. Considera prioritario deseñar un novo programa de formación do PAS e converter a UVigo nunha institución dixitalizada.

Pachi Reigosa pon ás persoas como eixo da acción de goberno

Pachi Reigosa Roger, catedrático de Fisioloxía Vexetal da UVigo e antigo vicerreitor de Investigación, foi o primeiro en postularse para o cargo de reitor. Fíxoo á fronte de Horizonte 2040 (www.auniversidadedaspersoas.com), un grupo formado por "profesorado, persoal de administración e servizos e estudantes dos tres campus que desexan traballar nun novo proxecto que estableza as persoas como o eixo da acción do goberno", segundo consta no seu manifesto.

¿E como se traduce esta idea en propostas para o eleitorado?

DOCENCIA. H2040 considera a docencia como un dos "piares básicos" da Universidade "e non como elemento de castigo", polo que o obxectivo é dignificala. Deste xeito, propón que no primeiro POD que elabore o seu equipo, de gañar, o límite máximo de capacidade docente será de 280 horas, sen perder de vista o horizonte das 240. "Consideramos que redundará nunha maior calidade da docencia e favorecerá a motivación". O orzamento non será un problema. "Mantendo as dedicacións actuais para o resto do profesorado, tería un custo similar ao que supón a actual estrutura de xerencia externa e de altos cargos asesores do reitor alleos á UVigo".

Así mesmo, H2040 tamén promete empezar a pagar, desde a paga extra de xuño deste ano o complemento específico íntegro aos PDI que non o perciben.

ALUMNADO. "Sodes máis que estudantes". Por iso o equipo de Reigosa ten previsto un plan de apoio ao alumnado, encamiñado á súa formación integral, que achegue un conxunto de coñecementos, habilidades, actitudes e valores que cubra as áreas psicoafectivas, cognitivas e sociais. Será un acompañamento ao longo dos estudos, en cuestións relacionadas con actividades físico-deportivas, culturais, ambientais, afectivo-sexuais, nutrición e cociña saudable, titorías entre partes, ética e responsabilidade social, igualdade de xénero, hábitos e técnicas de estudo, voluntariados, conciliación familiar, prácticas internacionais, traballo colaborativo e emprendemento.

PAS E PDI. Unha das liñas básicas do programa é o aproveitamento do potencial do capital humano da UVigo, o que inclúe planificar o cadro de persoal teórico de PDI e cara ao futuro (2040) e avanzar na desprecarización dos colectivos de PDI que na actualidade se encargan de impartir docencia estrutural, así como establecer criterios "sinxelos, claros, estables, transparentes e negociados" para a promoción e consolidación do PDI.

En canto ao PAS, Reigosa propón negociar unha nova Relación de Postos de Traballo (RPT) e abordar a cuestión da funcionarización do persoal laboral.