A UVigo desbloquea as obras de Ciencias da Educación tras máis dun ano de espera

A Xunta de Goberno concedeu a licencia de primeira ocupación e de apertura do edificio, inaugurado en 2006
Facultade de Ciencias da Educación. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Facultade de Ciencias da Educación. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Xunta de Goberno local de Pontevedra aprobou o pasado luns a concesión da licencia de primeira ocupación e de apertura de edificio destinado a Facultade de Ciencias da Educación, solicitada pola Universidade de Vigo. Deste xeito, quedan desbloqueados os trámites burocráticos que impedían executar as obras de construción dun laboratorio-ximnasio, adxudicadas hai un tempo.

O inmoble, que fora inaugurado a principios do curso 2006-2007, acolle os graos de Educación Infantil, Educación Primaria, e Ciencias da Actividade Física e do Deporte.

O vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, explicou que a facultade "dispuxo de proxecto e licencia de obra como calquera outro proxecto urbanístico", pero, lembrou, "normalmente hai anos o Concello non esixía a licencia de primeira ocupación ás administracións públicas".

Non obstante, foi cando a UVigo solicitou "unha pequena ampliación do edificio" que o Concello "pediu que se puxese ao día segundo a normativa". Míguez subliña que levan "máis dun ano agardando por este trámite a expensas da licencia agora aprobada".

De feito, o xa reitor electo, Manuel Reigosa, explicara no seu primeiro acto de campaña nesta mesma facultade, o pasado 19 de abril, que explicou que as obras de construción dun novo ximnasio -oficialmente laboratorio de investigación-, que foran licitadas en xuño de 2021, se atopaban pendentes de obter os permisos necesarios para iniciarse.

Aínda que esas obras xa foran adxudicadas, a intención da UVigo é realizar algunhas melloras máis no edificio, encamiñadas a optimizar o espazo das aulas e a adaptalas ás necesidades actuais de docentes e estudantes.

Míguez apuntou, así mesmo, que todos os edificios do campus teñen licencia de obra e que a Escola de Enxeñaría Forestal solicitou licencia de apertura "tamén porque o pediu o Concello".