A UVigo estende a Pontevedra a Aula Confucio para impartir chinés

O Centro de Linguas ten aberta a matrícula para un curso de iniciación á cultura e á lingua chinesas, que se completa con dous obradoiros

Celebración do aninovo chinés en Pontevedra. DAVID FREIRE (ARCHIVO)
photo_camera Celebración do aninovo chinés en Pontevedra. DAVID FREIRE (ARCHIVO)

O Centro de Linguas da Universidade de Vigo estenderá no segundo cuadrimestre a Aula Confucio, que se estreou con éxito no campus central en 2018, a Ourense e Pontevedra. Deste xeito, a partir do 4 de febreiro empezarase a impartir un seminario de iniciación á lingua e á cultura chinesas, a cargo da profesora nativa Lili Wo. Previamente, impartiranse dous obradoiros gratuítos, un de caligrafía chinesa (14 de xaneiro) e outro de recortado de papel chinés (día 23). Todos eles están dirixidos tanto á comunidade universitaria como á poboación en xeral. Terán lugar na Escola de Enxeñería Forestal.

A xefa de estudos do Centro de Linguas, Mercedes Álvarez, explicou que se trata dunha decisión académica estratéxica. "Non é que houbera demanda en Pontevedra, pero quixemos estender o proxecto piloto iniciado en Vigo".

A UVigo asinou hai case un ano un convenio coa Universidad de León, onde ten a súa sede o Instituto Confucio, "una institución desde la que procuramos intensificar las relaciones entre España y China", segundo a súa páxina web, para crear a delegación galega. "A idea non é só ensinar a lingua, senón achegarnos á súa cultura –explica Álvarez–. Encárgannos actividades culturais como ciclos de cine e obradoiros e tamén estamos pensando en celebrar o aninovo chinés".

A acollida está a ser moi boa. Para o cursiño de caligrafía, cuxo prazo de matrícula remata este venres, hai sete persoas preinscritas, "as mesmas que había en Vigo no primeiro cuadrimestre pese á publicidade que se lle deu". Para o de recortado de papel apuntáronse outras nove.

Lili Wo é licenciada en Filoloxía Chinesa e Xaponesa e totalmente bilingüe en castelán e galego

O obradoiro de iniciación á cultura e á lingua chinesas consta de 40 horas e impartirase entre o 4 de febreiro e o 13 de maio durante as tardes dos luns. O seu prezo é de 156 euros para membros da comunidade universitaria e de 190 para o público en xeral. Para que se leve a cabo será necesario un mínimo de catro inscritos e un máximo de 20, todos eles maiores de 16 anos. O programa inclúe a introdución á fonética e escrita chinesas, nocións para desenvolverse en situacións comunicativas básicas (saúdar, nacionalidade, preguntas cotiás...) e elementos culturais como música, tradicións, comida, etcétera. O prazo de matrícula remata o 29 de xaneiro. A docente que o impartirá, Lili Wo, é licenciada en Filoloxía Chinesa e Xaponesa e totalmente bilingüe en castelán e galego, segundo destacou Mercedes Álvarez.

OUTROS IDIOMAS.  A esta oferta súmase, xa en Vigo, o curso cuadrimestral de lingua chinesa de nivel A1.2 que permite preparar o exame de acreditación de nivel oficial HSK1, que se realizará por primeira vez na Universidade de Vigo no mes de xuño.

No campus de Pontevedra o Centro de linguas tamén imparte os niveis de A2.2 e B1.2 de Inglés e Español para estranxeiros. En Vigo a oferta amplíase a outras linguas: Alemán, Francés, Italiano e Persa. Están abertos tanto á comunidade universitaria como ao público en xeral e as persoas interesadas teñen de prazo para matricularse no segundo trimestre ata o 20 de xaneiro, na web http://centrodelinguas.fundacionuvigo.es.

Nesta ocasión, a esta oferta súmase unha das principais novidades do cuadrimestre, o curso Hold on to your English!, dirixido a estudantes de nivel alto de inglés (C1 e C2) para manter e reforzar a súa competencia lingüística a través das catro destrezas. Están pensados, explica Mercedes Álvarez, "para estudantes que queiran presentar o seu TFG ou TFM nunha titulación que permite facelo neste idioma".

Ao longo deste mes terán lugar tamén os exames de acreditación de inglés Cartacles, que serán para o nivel B2 o 15 e para o B1 o 16 de xaneiro en cada un dos tres campus da UVigo.

Perfil
A ampla maioría, da comunidade universitaria


Nos cursos do Centro de Linguas participaron 583 persoas entre setembro e decembro, sendo o Inglés e o Español para estranxeiros os idiomas máis demandados. No caso do Español, as persoas matriculadas eran principalmente estudantes do programa Erasmus, mentres nos cursos de Inglés aparecen perfís variados, dende os ordinarios, moi diversificados, ata os especializados, destinados ao persoal docente e investigador e o persoal de administración e servizos, segundo informou o Duvi.

Máis en Pontevedra
Preguntada Mercedes Álvarez sobre a posibilidade de aumentar a oferta de linguas no campus de Pontevedra, sinalou que "non o descartamos", aínda que todo depende da demanda. "Intentamos sacar adiante Portugués, Alemán e Italiano pero non conseguimos o mínimo de alumnos. De feito, o ano pasado tivemos Coreano. Se nolo piden e hai dispoñibilidade do profesorado" haberá cursos.

A gran maioría do estudantado (75%-80%) pertence á comunidade universitaria.

 

Comentarios