A UVigo fará 200 PCR semanais durante o curso, nas que o alumnado terá preferencia

A institución aposta pola "prevención temperá" fronte á covid-19
2020091617234212209
photo_camera José Luis Míguez, Manuel Reigosa e Belén Rubio momentos antes de iniciarse a rolda de prensa do martes. DUVI

A Universidade de Vigo fará este curso "todo o necesario" para evitar que as súas escolas e facultades sexan un foco de contaxio e expansión da covid-19: probas PCR para o persoal e alumnado, ampliación de aulas, creación de novos espazos para a docencia ou instalacións de códigos QR á entrada das clases.

Así o explicaron este martes o reitor, Manuel Reigosa, e os vicerreitores de Planificación e Sostenibilidade, José Luis Míguez, e de Investigación, Belén Rubio, que deron conta dalgunhas das accións que se van levar a cabo nun curso, "extraordinario", que empezará oficialmente o vindeiro luns día 21 pero para o que se levan meses traballando, segundo informou o Duvi.

Tal e como xa se adiantara a UVigo realizará nas vindeiras semanas probas PCR mediante saliva a todo o seu persoal, mediante o sistema pooling. Serán arredor de 3.000 persoas as que se someterán a estes test, incluíndo o persoal de administración e servizos, o docente e investigador e todas as demais modalidades de contratos de investigación. Se ben estaba previsto que esta semana se contara xa co material necesario para arrancar as probas o vindeiro luns, finalmente un retraso na entrega do material adiará uns días o arranque dos test.

Así mesmo, está previsto realizar 200 PCR aleatorias de control semanal ao longo de todo o curso, preferentemente ao alumnado. Míguez insistiu en que serán probas "moi flexibles" que se adaptarán á situación sanitaria que haxa en cada momento. "Se ben en principio son test aleatorios poderán concentrarse nun único centro se as circunstancias así o recomendan porque previamente se detectase algún caso positivo nese lugar e, nesa situación, podería incluírse tamén o PDI e o PAS dese centro", subliñou.

Os test aleatorios poderán concentrarse segundo as necesidades

"A idea fundamental é facer unha especie de foto fixa de como se atopa a Universidade nada máis empezar o curso e, a partires de aí, facer un seguimento coa realización desas 200 PCR semanais", subliñou o reitor.

MATRÍCULA ALTA. Reigosa lembrou como o curso pasado a UVigo, ao igual que o resto de universidades españolas, tivo que "pórse as pilas" para levar a cabo unha serie de medidas para as que, en principio, non se estaba preparado, pero que resultaron de grande utilidade e foron en moitos casos pioneiras.

Neste sentido o reitor tamén fixo fincapé en que a pesares de todo o acontecido coa covid, a institución está a acadar este curso uns excelentes resultados de matrícula, o que, ao seu xuízo, quere dicir que a cidadanía foi quen de percibir a preocupación da institución, tanto polos temas de seguridade, "algo prioritario nestes momentos", como por garantir unha docencia de calidade. "É importante que sexamos quen de formar os nosos alumnos coas mesmas competencias que terían nun curso normal". Lembrou que o "esforzo común" do pasado curso permitiu rematalo con éxito.

Tanto Reigosa como Míguez e Rubio insistiron en que, se ben o curso arranca nunha evidente situación de incerteza, na UVigo está todo listo para adaptarse aos diferentes escenarios que poidan ir xurdindo. "Canto menos teñamos que estar na casa e máis na aula moito mellor".

Docencia física e virtual á vez 
En previsión do que poida pasar, a UVigo puxo en marcha unha serie de medidas que inclúen desde facer obras para dotar aos centros de novos espazos docentes, ata ampliación de aulas para cumprir as distancias de seguridade ou a instalación de códigos QR na entrada das clases. 

Se houbese que pasar a unha situación de non presencialidade están "as ferramentas preparadas", especialmente o Campus Remoto, que se puxo en marcha "nun tempo récord" e que se reforzou ao longo do verán, e o Campus Integra, que vai permitir combinar a docencia física e a virtual.

Comentarios