A UVigo e o Gaiás crean unha residencia artística para a produción de videoxogos

O grupo de investigación ComTecArt traslada a súa experencia de traballo á Cidade da Cultura cun taller, aberto a alumnado de todos os campus e que terá lugar en marzo e abril
Jorge Soto e Ana Isabel Vázquez, este martes, na presentación do proxecto levada a cabo na Casa das Campás. JAVIER CERVERA-MECADILLO
photo_camera Jorge Soto e Ana Isabel Vázquez, este martes, na presentación do proxecto levada a cabo na Casa das Campás. JAVIER CERVERA-MECADILLO

Un taller do que saia un primeiro deseño dun videoxogo é a aposta que puxo a colaborar á Universidade de Vigo (UVigo) e á Xunta de Galicia, que este martes presentaron conxuntamente en Pontevedra o que será esta actividade, con forma de residencia artística, na Cidade de Cultura.

O proxecto nace da experiencia previa do grupo de investigación ComTecArt, que leva cinco anos traballando na UVigo. Levarase a cabo nas fins de semana de marzo e na primeira de abril. "Esta residencia artística será a primeira actividade que implicará a estas dúas institucións, porque estamos a punto de asinar un convenio marco de colaboración que nos permitirá desenvolver xuntos máis propostas", explicou o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto, que estivo acompañado pola investigadora Beatriz Legerén e pola xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, na Casa das Campás.

"O que facemos aquí é levar á Cidade da Cultura o traballo que se desenvolveu ata agora por parte do equipo docente", explicou Legerén, encargada de debullar os pormenores da residencia artística. Segundo avanzou, nela poderán participarán 16 alumnos de calquera dos campus da UVigo.

A selección dos participantes realizarana dous mestres máis Legerén, "e non se terán en conta só aptitudes, senón tamén actitudes". A investigadora tamén contou como os videoxogos se desenvolverían a partir de ideas de diferentes creadores literarios, en grupos de traballo que mesturarán alumnos de Telecomunicacións cos de Comunicación Audiovisual, tal e como se veu facendo nestes últimos anos. A idea é que se incorporen tamén estudantes de Belas Artes, "algo que aínda non conseguimos".

Que neste grupo de traballo se elixise desenvolver un produto como un videoxogo ten que ver, segundo a investigadora, con que relaciona a tecnoloxía cunha parte máis artística e narrativa. "Para desenvolver un videoxogo non só é necesario saber programación", dixo Legerén. "Porque a tecnoloxía é só un medio, nunca un fin".

Aínda que o resultado do taller non é a finalización dun videoxogo, senón rematar un primeiro nivel do que sería o seu concepto, a xerente do Gaiás, Ana Isabel Vázquez, avanzou que a Xunta lle daría a máxima difusión ao proxecto "tendo en conta a enorme importancia que a industria dos videoxogos ten hoxe no sector cultural".

Comentarios