A UVigo promove más de 15 actividades para visibilizar a investigación científica

O programa 'Ciencia de ida e volta' inclúe obradoiros, concursos e feiras de divulgación científica dirixidas a escolares, familias e cidadanía en xeral
As técnicas da UCC+i, Elena Muíños, Karina Rivero e Ana Costa e a vicerreitora Mónica Valderrama. DUVI
photo_camera As técnicas da UCC+i, Elena Muíños, Karina Rivero e Ana Costa e a vicerreitora Mónica Valderrama. DUVI

Divulgar a actividade científica que se leva a cabo na Universidade de Vigo, implicar a cidadanía no traballo dos grupos de investigación da institución, así como visibilizar como as distintas liñas científicas tratan de responder ás necesidades da sociedade é o obxectivo do programa Ciencia de ida e volta que promove a UVigo.

Para iso o Plan anual de actividades da UCC+i abrangue máis de 15 propostas que se levarán a cabo ata o vindeiro mes de xullo polos tres campus da institución.

Así o explicou a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama, na presentación deste plan que conta un orzamento de 129.000 euros, dos cales 30.000 son achegados pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, FECYT, triplicando así a axuda respecto da edición anterior. O resto do orzamento corresponde a fondos propios da UVigo.

O programa, como explicou a vicerreitora, aséntase no concepto "ida e volta", xa que trata de exemplificar o movemento circular da ciencia e evidenciar "como as investigacións científicas achegan á sociedade coñecemento e avances, algo que quedou moi evidenciado na pandemia", e como a sociedade pode propoñer novos retos, novas ideas ou axudar e complementar as investigacións.

Ao longo dos próximos meses desenvolveranse unha serie de propostas diversas, pero todas de carácter experiencial, que van dende feiras científicas ata obradoiros, concursos, formacións, etc. adaptadas a públicos diferentes, dende escolares ata alumnado do Programa para Maiores, familias, persoal investigador e cidadanía en xeral.

Para este curso académico 2023/2024 Ciencia de ida e volta presenta varias novidades, principalmente vencelladas cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible e coa celebración, por exemplo, do Día Mundial da Xustiza Social, o Día Mundial da Auga ou o Día Mundial da Saúde. Estas actividades acompañarán a aquelas que xa son parte da programación estable de Ciencia de ida e volta dende hai varios anos, como as que teñen lugar con motivo do Día Mundial da Muller e da Nena na Ciencia ou a expo-feira científica A ciencia que vén ten nome de muller.

A programación 2023/2024 arrancou xa este mes co taller de astronomía Astrofamilias, que encheu todas as prazas, e continuará entre os meses de novembro e decembro cunha formación para persoal investigador sobre divulgación científica.

Comentarios