Uxía Lambona ateiga a Praza de España na festa infantil do Entroido

Centos de nenos e nenas converten a xornada do venres na de maior éxito de público de toda a programación 'carnavaleira'

Coa queima do papagaio Ravachol (o sábado 5 de marzo, 20.00 horas, Praza da España) remata o Entroido de Pontevedra, un día despois de que a cativada fose a protagonista absoluta da festa. Porque a penúltima xornada da programación do Concello é a dos nenos e das nenas. Súa foi a festa que ateigou a Praza de España e que se converteu na actividade de maior éxito de público do Entroido deste ano. 

Uxía Lambona e a Banda Molona protagonizou a proposta que tiña por título Un día de circo. O grupo infantil mesturou as súas versións de clásicos da música tradicional galega con algúns dos seus temas máis coñecidos salpicándoo todo de números circenses. A Praza de España encheuse de rapazada de corta idade, acompañada de pais e nais, que bailaron e cantaron as cancións de Uxía Lambona e a súa banda de pallasos, nariz vermello incluído.

Así foi como princesas e guerreiras se mesturaron, en pleno centro de Pontevedra, con osiños e todo tipo de animais, reais e imaxinarios, porque os unicornios volveron ser este ano grandes protagonistas dos disfraces infantís, e personaxes de debuxos animados, e todos xuntos bailaron unha versión ska de A Rianxeira.  

SALCEDO. Aínda que a programación oficial do Entroido de Pontevedra se peche o sábado 5 de marzo coa recreación da morte de Ravachol, hai actividades que o van alongar aínda un pouco máis. A Sociedade Cultural e Deportiva de Salcedo anunciou que celebrará un festival de murgas o 12 de marzo (18.00 horas, entrada libre ata completar cabida) na Casa Verde. Participarán tres das agrupacións que pasaron polo concurso de Pontevedra: Murga do Naveiro, Equipo Ja e Val do Lérez. Actuará, como convidado especial, o grupo Cantanascroas.

Comentarios