Unha vacina feita de solidariedade para os momentos máis duros

En Pontevedra, os momentos máis duros da crise provocada pola covid-19 fixeron aumentar as peticións de axuda en organizacións como o Banco de Alimentos, Cáritas ou o Comedor de San Francisco, que conseguiron sobrelevar a situación, aínda que con dificultades, sobre todo grazas á axuda de cidadáns e empresas particulares
2020080212185285450
photo_camera Voluntario do Banco de Alimentos organizando alimentos dunha doazón. DAVID FREIRE

Desde o comezo, a covid demostrou ser máis ca unha crise sanitaria. No eido económico, a pandemia deixou a moitas persoas sen traballo que, ante o afogo paulatino desa situación, víronse na necesidade de facer uso de diversos servizos a modo de paliativo. En Pontevedra, entidades como o Banco de Alimentos, Cáritas ou o comedor social de San Francisco, máis activas que nunca durante os meses de confinamento, foron as que capearon o temporal como puideron cando as crestas de usuarios máis se agudizaron. Jose Luís Doval, responsábel do Banco de Alimentos da provincia, cifra o aumento do número de peticións entre o 25 e o 30%, "sen dúbida provocado pola crise que trouxo consigo o coronavirus". Conchi Vázquez, presidenta de Cáritas interparroquial, tamén concorda con que durante o confinamento "aumentou algo o número de familias que quedaron no paro ou sen recursos e que houbo que atender", pero tamén sinala que malia esta nova normalidade, o número aínda non baixou, posto que "hai persoas que non comezaron a traballar aínda, ou que remataron unha axuda familiar da que tiñan que volver solicitar uns trámites para os que non puideron asistir presencialmente". Porén, segundo o pai Gonzalo Diéguez, no comedor de San Francisco, a situación "actualmente está un pouco máis calmada. No mes de xullo, a media de persoas que viñeron buscar a comida foi entre 110 e 130. Baixou, creo que porque no verán a xente sempre adoita moverse máis".

Conchi Vázquez: "Houbo xente que quedou sen recursos, polo que atendimos peticións de alimentos e tamén pagos de recibos"

Xente cuxo perfil variou en relación á entidade da que se tratese, malia atoparse todos nunha situación de fondo semellante. Diéguez subliña a afluencia de novas familias de etnia xitana: "Aquí, desde fai moitos anos, sempre viñeron algúns xitanos. Pero ultimamente, sobre todo ao comezar a dar comida para que a levasen as súas casas, temos tres ou catro familias de xitanos que antes non viñan e agora veñen case todos os días. Algún falla algún día". Con todo, tamén indica que "curiosamente, algúns que viñan todos os días ao comedor, agora para levar ás casas non veñen. E non entendemos ben o porqué desta situación". Pola súa parte, ao Banco de Alimentos recorre un segmento de poboación pertencente a outros países, especialmente latinoamericanos, amais de xente que "quedou no paro e evidentemente acode a buscar alimentos a onde sexa", explica Doval.

Porque esa busca de alimentos foi o servizo máis demandado durante a pandemia, aínda que non o único. Como sinala Vázquez, "houbo xente que quedou practicamente sen recursos, entón aí estívose máis pendente. Non só na atención de alimentos, senón tamén nos pagos de recibos de diferente índole". No Banco, amais das súas tarefas habituais, ao principio da pandemia serviron tamén unha "cantidade grande de almorzos para nenos" en situación de risco debido ao peche dos servizos de comedor. No de San Francisco, a raíz de non poder ter o local aberto desde marzo, comezaron a preparar a comida para levar, procedemento co que actualmente seguen: "Seguimos con ese sistema, e veñen cos seus tuppers e levan un prato de comida quente". Mais non é o único que levan. Os usuarios tamén marchan con bocadillos, iogures e, sobre todo, froita. "Ás veces tamén lles damos un litro de leite dos que tiñamos para preparar os cafés ou colacaos de despois das comidas, ou outros alimentos que nos van chegando e que van recibindo". Deste xeito, aos que lles é posíbel cociñar na casa poden facer tamén unha "boa comida, á parte da que lles dá o comedor", engade o responsábel.

Os alimentos que recibiron no comedor proviñan do Banco de Alimentos, de empresas privadas ou de Cruz Vermella, que, en palabras de Diéguez, "ultimamente deunos 2.800 quilos de alimentos". No propio Banco tamén recibiron doazóns por parte de institucións, amais da xente "que colaborou moito, tanto en alimentos como en diñeiro. Fixemos unha campaña por internet, #yoapoyoalbancobueno, e a cidadanía respondeu moi ben", sinala Doval.

Gonzalo Diéguez: "A máxima que temos no comedor de San Francisco é que ningún dos que veñan a pedir alimento marche nunca sen comer"

Satisfactoria tamén foi a axuda que recibiron en Cáritas, tanto en especie como económica. Así mesmo, "tamén houbo persoas, algunhas non vinculadas a nós, que se ofreceron de forma gratuíta, durante os meses que non traballaban, a transportar alimentos ou comidas". Algo que a ONG agradeceu, sobre todo ao ter visto reducido o número de voluntariado: "Había persoas xubiladas con moitas ganas de empregar o seu tempo para colaborar. Pero con esta nova situación, algunhas tivérono que deixar. Entón, o traballo multiplicouse nese sentido. Pero fómolo levando, non nos vimos desbordados", sentencia Vázquez. Onde tamén o levaron bastante ben foi no comedor: "Todos os que viron a pedir para comer levaron o seu alimento, xa que se facía en abundancia. Porque aquí, unha sorte que temos é que nunca ninguén se vai sen comer". Porén, no Banco amósanse máis recelosos, sobre todo se a situación segue así: "Se isto se alonga no tempo, evidentemente a demanda vai ser moito maior. Na provincia estamos axudando xa a máis de 27.000 persoas, e as operacións este ano xa non se poden facer do mesmo xeito. Todas estas cousas ímolas sufrir. Oxalá que isto se corrixa canto antes e a pandemia remate dunha vez".

Responsabilidade: Unha lección de empatía
Á hora de combater unha pandemia que non afecta a todos por igual, a colaboración entre cidadáns debería xurdir de xeito espontáneo. Así o reclama o responsábel do Banco de Alimentos, José Luís Doval, para quen "a empatía debería ser esencial na nosa educación, porque aínda non se lle outorga a importancia que realmente ten. Eu só lle pido á xente que sexa empática, e que todo aquel que poida axudar, que o faga".
Con todo, o papel das institucións é o verdadeiramente fundamental nestes casos.Unha das que respondeu durante os momentos máis duros da covid foi o Concello de Pontevedra, que colaborou con varias destas organizacións: "Co Concello houbo comunicación fluída, amais de atención coordinada cos servizos sociais a familias ou ás persoas sen fogar que pasaron o confinamento no Raíña da Paz" conta Conchi Vázquez, de Cáritas. Porque, como sinala Doval, "as institucións teñen que amosar o seu liderado. E deberían ser quen artelle os instrumentos legais e os recursos financeiros para poder paliar esta desigualdade, que tan obscena é cos que viven baixo o umbral da pobreza".

Comentarios