miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Vaipolorío retira troncos e maleza do leito do Gafos

Limpeza do río Gafos. GONZALO GARCÍA
Limpeza do río Gafos. GONZALO GARCÍA
O colectivo ecoloxista retirou unha árbore caída no sendeiro paralelo ao cauce e outras tres que obstruían a circulación da auga no río

Os voluntarios do colectivo ecoloxista Vaipolorío adicaron a mañá deste domingo á retirada de troncos e maleza do leito do río Gafos. Deste xeito, sete persoas participaron nas tarefas de limpeza que ocuparon dúas horas "de traballo intenso", tal e como explicou o presidente da asociación, Gonzalo Sancho.

Os voluntarios conseguiron retirar tres árbores do leito do río e outro máis que caera no propio sendeiro paralelo ao cauce para que fose posible a circulación polo mesmo. As actuacións tiveron lugar entre as parroquias pontevedresas de Tomeza e Salcedo. "Outros concellos encargan este tipo de traballos a empresas para manter os seus ríos limpos, no noso caso, nós tratamos de manter o Gafos limpo durante todo o ano con estes traballos de mantemento", contou este domingo Gonzalo Sancho.

Para solucionar o problema da caída de árbores de raíz sería interesante proceder á substitución de especies foráneas e invasoras por outras propias do bosque galego de ribeira. Neste sentido, apunta Sancho, "a robinia pseudoacacia é unha planta invasora cunhas raíces moi aéreas e que con calquera temporal caen". Neste sentido, o ideal sería plantar nesas zonas árbores autóctonas como ameneiros, salgueiros ou freixos.

O deste domingo é un traballo que se realiza cada ano por parte do colectivo e pretende manter o sendeiro do río practicable. Do mesmo xeito, os voluntarios incidiron especialmente nas ramas e restos arrastrados polo río e que quedan depositados nas pontes, obstruíndo o paso da auga. Esta acumulación de restos vexetais provoca que, coas crecidas do inverno, o caudal de auga se desborde afectando ao paseo que circula paralelo ao río. Para proceder á retirada destes restos foi preciso que algúns dos voluntarios enfundasen un traxe de augas e se introducisen no leito do río para retirar restos que se atopaban mesturados co propio sedimento que arrastra a auga. "É previsible que cos temporais do inverso volvan a caer máis árbores", explicaba o presidente da asociación.

Ademais da retirada de maleza, Vaipolorío realiza batidas periódicas para a recollida e lixo do entorno do Gafos. Do mesmo xeito, a asociación ecoloxista leva a cabo labores de concienciación, retirada de plantas invasoras ou posta en valor do patrimonio natural e inmaterial arredor do cauce do pequeno regato que pasa polas parroquias de Tomeza e Salcedo para desembocar na ría de Pontevedra.

Vaipolorío retira troncos e maleza do leito do Gafos
Comentarios
ç